Até 773 comerciantes e obradoiros artesanais benefícianse das axudas á transformación tecnolóxica da Xunta

luns, 22 de novembro do 2021 S. P.

A semana pasada publicáronse as axudas do Goberno galego dirixidas a impulsar a estratexia dixital e a modernización do sector comercial e artesán da nosa terra. Concedéronse preto de 5 millóns de euros a un total de 773 comerciantes e obradoiros artesanais que mobilizarán 7,6M€. Isto traducirase en 2.329 actuacións de transformación impulsadas por 695 comerciantes e 78 titulares de obradoiros artesanais. Irán encamiñas a mellorar as experiencia de compra dos clientes e adaptar os negocios a un tipo de consumidor máis dixitalizado e esixente.
Estas axudas, que veñen da man da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, contan con dúas liñas: unha destinada á dixitalización comercial e que suma 2.188 actuacións (entre as que destacan a implantación dun xestor de redes socias (392), seguida da creación de páxinas web con venda en liña (363), a realización de publicidade en medios dixitais (314), así como a mellora da imaxe dixital (313), incluíndo tamén apoios á mercadotecnia 4.0, á loxística dixital ou á participación en feiras dixitais) e unha segunda liña con 141 actuacións (destinada á adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal como maquinaria e ferramentas que melloren o deseño e calidade do produto final).
Por provincias, A Coruña conta con 349 beneficiarios e unha axuda de preto de 2,3M€;
en Pontevedra chega a 217 comerciantes e obradoiros artesanais, con apoios que suman 1,4 millóns de euros; Lugo recibe 119 axudas por 640.000 euros e Ourense suma 88 beneficiarios e 660.000 euros.
Estas axudas enmárcanse nas medidas que a Xunta de Galicia está adoptando co obxectivo de “que o sector comercial poida adaptarse aos novos hábitos de consumo, como o comercio electrónico, así como a outras canles de comercialización, como as redes sociais, o que se traduce nunha maior competitividade do sector e un aumento das súas vendas”.

PUBLICIDADE