Até 634 empresas galegas de entre 10 e 49 empregados recibiron o bono de dixitalización do Goberno

luns, 6 de xuño do 2022 S. P.

O Goberno central vén de facer un balance da actividade xerada pola primeira convocatoria do programa Kit Dixital, dirixido a mobilizar apoios e recursos cos que mellorar o nivel de dixitalización das empresas. No informe faise saber que unha de cada dúas pemes de entre 10 e 49 traballadores en Galicia solicitaron estas axudas. Por certo que Kit Dixital é un programa do Plan de Recuperación, xestionado pola entidade estatal Red.es, co que o Goberno quere “impulsar a dixitalización das pequenas empresas, microempresas e autónomos e contribuír a modernizar o tecido produtivo”.
A un nivel máis concreto, no informe tamén se fai saber que das 6.427 empresas galegas de entre 10 e 49 empregados susceptíbeis de participar na primeira convocatoria de axudas de Kit Dixital, máis 3.100 solicitaron o seu bono dixital e só dous meses despois da apertura da convocatoria, 634 empresas xa o recibiron e poden empregalo nunha ou varias solucións dixitais que máis necesiten para o seu negocio. As 634 axudas concedidas ás nosas pemes supoñen máis de 8 millóns de euros procedentes dos fondos europeos NextGenerationEU.
A nivel nacional, máis de 61.000 empresas solicitaron a axuda das que 10.000 xa foron concedidas.
Por provincias, preto do 50% das empresas de entre 10 e 49 empregados da Coruña solicitaron a axuda. Esta provincia conta cun total de 2.648 empresas deste segmento, das cales 1.295 solicitaron a axuda de Kit Dixital. En Pontevedra, con 2.445 empresas desta modalidade, 1.189 solicitárono, un 48,6%. Lugo, pola súa banda, con 707 empresas deste tipo, 337 pediron o bono dixital, un 48%. En Ourense solicitaron a axuda 300 empresas de 627, un 47%.
As empresas interesadas poden solicitar as axudas na sede electrónica de Red.es. O prazo da primeira convocatoria dirixida ao segmento de empresas de entre 10 e 49 empregados manterase aberto até o 15 de setembro.
Baixo a lema Cero papeis, Red.es deseñou un sistema de tramitación que cualifica de “moi innovador” e que se dirixe a axilizar os procesos usando ferramentas de robotización e Intelixencia Artificial, polo que se poderá solicitar a axuda sen achegar ningunha documentación, xa que será de abondo con que o empresario autorice á entidade estatal consultar de oficio os requisitos e obrigacións requiridos para obter a condición de beneficiario.
As pemes do tamaño especificado que solicitan os apoios poden acceder a bonos de axudas de 12.000 euros, cos que adquirir unha ou varias solucións de dixitalización como o deseño da súa páxina web, a xestión de redes sociais e comercio electrónico; xestión de clientes ou ciberseguridade, entre outras.
O catálogo de solucións de dixitalización pódese consultar na web de Acelera Pyne.
As bases reguladoras para a concesión destas axudas directas do Kit Dixital poden consultarse no BOE.

PUBLICIDADE