Até 60 persoas participaron na apertura de obradoiros do Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo

luns, 29 de maio do 2017 Redacción

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, participaron este sábado na actividade inaugural da programación formativa do Edificio de Novas Tecnoloxías. A sesión de apertura do programa foi, precisamente, unha clase maxistral sobre fotografía dixital, conducida polo artista local Álvaro L. Barreiro. Segundo informa o Concello, a actividade tivo un éxito total, participando nela unhas 60 persoas. Por mor de non ter podido dar acollida a todas as veciñas e veciños interesadas/os en concorrer na sesión, o Goberno local está a estudar a posibilidade de repetir a clase maxistral.
A programación de actividades no novo espazo TIC do Concello, Tecnoloxíza-T!, inclúe 10 obradoiros con 150 prazas de balde para todas as idades. Arrancan este mesmo luns, con dous cursos: un sobre iniciación á informática, continuará ata o 9 de xuño, de 16:00 a 18:00 horas; e outro de utilización de smartphones, ata o 2 de xuño, de 18:30 a 20:30 horas.
Segundo engade o Concello, estas xeiras de divulgación están a ter moi boa acollida, pois en menos de dez días cubríronse as prazas da maioría dos obradoiros, polo que os interesados deben dirixirse canto antes ao Edificio de Novas Tecnoloxías, aberto en horario de luns a sábado, de 10:00 a 13:00 horas, e de 16:00 a 21:00 horas. A inscrición realizarase até as 20:00 horas do xoves anterior ao inicio de cada curso.
A listaxe de persoas admitidas poderase consultar na páxina web do Concello, www.lugo.gal, no propio centro, ou a través do 010.
Xunto aos obradoiros de iniciación á informática e utilización de smartphones, ofrécense os seguintes cursos: trámites electrónicos coa administración, iniciación á informática, utilización de smartphones, Internet segura para tod@s, posicionamiento web e SEO, redes sociais, retoque fotográfico co teu smartphone, compra en liña, venda en liña e creación de aplicacións móbiles. Toda a información sobre o programa está dispoñíbel en www.lugo.gal.

PUBLICIDADE