Até 40 especialistas participaron na UVigo nun congreso sobre a propiedade intelectual da IA

mércores, 12 de xullo do 2023 S. P.

A semana pasada organizouse na Universidade de Vigo congreso O impacto da Intelixencia Artificial no Dereito do Traballo e da Propiedade Intelectual e Industrial, organizado polo grupo de investigación DMT da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. O simposio reuniu no Campus a 40 especialistas, sobre todo de España e Italia. Foi coordinado polos profesores da institución viguesa Rosa Rodríguez Martín-Retortillo e Pablo Fernández Carballo-Calero. O congreso arrancou no edificio de sesións da Autoridade Portuaria de Vigo, centrándose principalmente no eido da propiedade intelectual e industrial, prestando especial atención aos problemas de autoría e patentabilidade das obras realizadas por IA.
As sesións tamén se desenvolveron no Edificio Redeiras, sede institucional da UVigo na cidade, e puxeron o foco no eido do Dereito do Traballo, con relatoiros sobre a utilización de IA para a xestión de recursos humanos e abordando, en particular, os riscos que implica o uso de algoritmos e os nesgos discriminatorios que poden conter na súa configuración.
Despois dunha primeira xornada centrada en analizar a patentabilidade e a propiedade das obras xeradas por IA (o xoves), o congreso arrancou o venres cun panel de debate moderado polo catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo Jaime Cabeza Pereiro. Nel interveu María Luz Rodríguez Rodríguez, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Castilla La Mancha, unha especialista, como destacaba na súa presentación o profesor Cabeza, que atesoura “cunha actividade desbordante no mundo das relacións laborais e unha das persoas que está liderando o debate a nivel español sobre as consecuencias laborais da revolución dixital, da robotización e da Intelixencia Artificial”.
Cabeza destacou a súa “intensa dedicación pública”, ostentando no pasado o cargo de conselleira de Emprego de Castilla La Mancha e de secretaria de Estado do Ministerio de Traballo con Valeriano Gómez. “Moi activa en foros internacionais e en particular na Organización Internacional do Traballo”, na actualidade está moi implicada na “elaboración dun documento fundamental sobre o traballo decente na economía de plataformas, un tema enormemente ligado coa temática deste congreso”. Na súa intervención centrouse en analizar o impacto que ten e, que sobre todo, terá a robotización no emprego, especialmente en determinados sectores que serán máis vulnerábeis a esta revolución. A experta remarcou que para que este sexa un tema de interese para un país, é preciso que ese país “teña xa un certo desenvolvemento tecnolóxico”, e entre outros datos, referiuse á Enquisa sobre o uso das TIC e o comercio electrónico nas empresas, un estudo de 2022 que sinala que arredor dun 12% das empresas de España empregan xa Big Data e Intelixencia Artificial. “A situación sobre o desenvolvemento tecnolóxico de España é boa, pero irá incrementándose”, é unha aposta gobernamental que se recolle no Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia e no reparto dos fondos Next Generation. Con todo, destacou a experta que son as grandes empresas as que concentran boa parte deste esforzo de automatización, dixitalización e incorporación da IA.
Segundo Rodríguez esta revolución tecnolóxica implica retos e tamén oportunidades, e salientou a necesidade de debater sobre as vantaxes da dixitalización e canalizar os inconvenientes do uso da tecnoloxías. Defende que a tecnoloxía en si non é boa nin mala, o determinante é o uso que se fai dela, por iso defende a necesidade dun debate serio e fondo sobre como minimizar os riscos e potenciar as vantaxes.
A segunda convidada da xornada foi Aída Ponce del Castillo, investigadora do European Trade Union Institute (ETUI), que se centrou na IA e a xestión algorítmica do traballo. “Especialista na fronteira entre a ciencia e a tecnoloxía”, como a presentaba o catedrático Jaime Cabeza, as súas achegas céntranse nas implicacións éticas, sociais e legais das tecnoloxías emerxentes. Ponce ten ocupado postos en diferentes comités especializados da Comisión Europea e é membro de varios grupos de traballo da OCDE sobre bioteconoloxía, nanotecnoloxía e tecnoloxías converxentes.
Tras unha pausa, iniciouse o segundo panel de relatorios, moderado por Belén Fernández Docampo, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, coa intervención de dous especialistas italianos: Federico Martelloni, profesor da Università di Bologna e Valeria Nuzzo, da Università degli studi della Campagna Luigi Vanvitelli. O primeiro centrouse nas decisións automatizadas e discriminación e o segundo sobre a incidencia da IA na cualificación do contrato, tanto autónomo como subordinado.
O congreso concluíu coa presentación de comunicación, unha sesión que foi moderada polo profesor da UVigo Alexandre Pazos.

PUBLICIDADE