Até 360 persoas participaron na Hora do Código organizada polo CPEIG e a ESEI de Ourense

luns, 21 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense foi tomada o sábado 19 por rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 6 e os 18 anos, todas e todos co obxectivo compartido de converterse en programadoras e programadores, ou sexa, en usuarios pero tamén en construtores da sociedade dixital. Falamos da celebración galega do acontecemento internacional A Hora do Código, impulsado a nivel mundial pola organización Code.org e, a nivel galego, pola ESEI de Ourense e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A cita desenvolveuse entre as 9.00 e as 19.30 horas na sede da ESEI e acolleu a participación activa de 360 persoas e a celebración de tres ducias de sesións didácticas para nenas e nenos acompañados das súas familias.
En termos máis concretos, participaron (formándose como vindeiras construtoras e construtores da revolución dixital) un total de 263 rapazas e rapaces (113 nenas e 155 nenos) cunha media de idade de nove anos, acompañados polos seus proxenitores. O programa que se puxo á súa disposición foi salientábel polo número, a calidade e a variedade das actividades: até 34 sesións que abrangueron desde o uso de drons e a programación até a impresión 3D ou a realidade virtual. As actividades desenvolvéronse durante a mañá e a tarde do sábado en diversos espazos do edificio Politécnico coa participación de voluntarias e voluntarios colexiados e por docentes especializados nas novas tecnoloxías no ámbito educativo.
A finalidade da xornada foi achegar dunha “forma lúdica e divertida” o mundo da programación ás xeracións máis novas. Ademais, buscábase estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas tendo en conta que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas da vida, desde o lecer á educación, pasando polo xeito de comunicarse e de obter coñecemento e desenvolvérense.
Francisco Rodríguez, tesoureiro do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, salientou os días previos á celebración da Hora do Código que esta actividade está deseñada para que a mocidade entenda as bases e fundamentos da programación. “Aínda que os rapaces nun futuro non desenvolvan unha profesión como a enxeñaría informática, a nosa sociedade evoluciona cara unha totalidade de produtos que inclúen software dalgún tipo, e entender as bases da programación fará que comprendan mellor o funcionamento destes elementos e poidan obter todas as vantaxes que ese coñecemento proporciona”.
Durante a celebración impartíronse diversos obradoiros, indicados para as distintas idades, sobre iniciación á programación, iniciación á programación con Scratch, iniciación á programación de dispositivos con Arduino, cinema e vídeo en 3D, impresión en 3D, drons, realidade virtual, Nenoos Tech ou iniciación ao desenvolvemento de videoxogos.
Como lembraremos, a Hora de Código é un evento internacional que ten como obxectivo o de ensinar programación e as bases da informática ás nenas e nenos partindo de titoriais básicos dunha hora de duración. A iniciativa busca estender os coñecementos de ciencias da computación aos máis pequenos e pequenas para que coñezan os conceptos e o mundo no que viven, “unha realidade na que a tecnoloxía está cada día máis presente en todas as facianas, desde o lecer á educación”, explica o CPEIG.
A Hora do Código está promovida internacionalmente, desde o ano 2013, pola entidade sen ánimo de lucro estadounidense Code.org. A nivel internacional a iniciativa está apoiada polas grandes compañías tecnolóxicas, como Google, Amazon, Apple, Facebook e Microsoft, e por persoeiros como Bill Gates ou Mark Zuckerberg. Code.org, para quen non o saiba, é un organismo público adicado a ampliar a participación en Informática. O seu obxectivo é que todos os estudantes teñan a oportunidade de aprender programación.

PUBLICIDADE