Até 35 rapaces participaron nos obradoiros de Ames sobre electrónica e impresión 3D

mércores, 4 de xaneiro do 2017 Redacción

A Concellería de Mocidade de Ames quixo rematar o ano con formación tecnolóxica avanzada e con potencial para abrir vindeiras xanelas profesionais. Foron, máis en detalle, dous obradoiros sobre novas tecnoloxías, desenvolvidos o pasado mes de decembro, o primeiro sobre deseño e impresión 3D e o segundo sobre electrónica. Leváronse a cabo nas casas da Cultura de Milladoiro e Bertamiráns e neles participaron finalmente 35 mozas e mozos. Esta en palabras do Concello “gran acollida” das actividades reflectiuse no feito de que ficase xente á espera de conseguir unha praza. No obradoiro de deseño e impresión 3D participaron 20 alumnos, e 15 no de electrónica.
Estas actividades, que terán continuidade, forman parte dunha liña de formación e divulgación da que por estas mesmas datas, en 2015, abrollaron máis obradoiros de robótica, e este mesmo ano, a comezos de decembro, xurdiu unha interesante mostra de proxectos maker a cargo dunha ducia de entidades galegas (o Roteiro Maker organizado polo Concello). Volvendo aos obradoiros destes días, sinalar que se dirixiron a rapazas e rapaces de 12 anos en adiante. O primeiro taller, o de deseño e impresión 3D, encamiñouse a permitirlles coñecer os programas de modelado 3D e dar forma aos seus primeiros proxectos neste eido. No segundo, desenvolvido en Bertamiráns na Casa da Cultura, os alumnos traballaron con leds, timbres, pilas ou circuítos electrónicos cos que puideron, entre outras cousas, facer luz a través de elementos moi sinxelos.

PUBLICIDADE