Até 30 mozas e mozos formáronse nas novas formas de emprender no rural lucense da man da Deputación

martes, 15 de xaneiro do 2019 Redacción

A Deputación de Lugo entregou hoxe os diplomas dos participantes (un total de 30) na cuarta edición do Campus de Emprendemento Sostible, destinado a impulsar a innovación, a xeración de emprego e o espírito emprendedor no rural da provincia. No acto, amais do alumnado do Campus, fixo acto de presenza o deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, quen lembrou algúns dos principais obxectivos da iniciativa de formación (“ofrecer capacitación e asesoramento de balde para xerar novas oportunidades empresariais e sociais no rural”). O acto celebrouse no IES Terra Chá José Trapero Pardo, de Castro Ribeiras de Lea.
Durante a entrega de diplomas, Fernández Queipo subliñou que “a través deste plan, dende o Goberno da Deputación, impulsamos o emprego ofrecendo gratuitamente a todos os lucenses formación, asesoramento individualizado e coñecemento in situ sobre iniciativas empresariais exitosas e consolidadas, con visitas ás mesmas, co obxectivo de abrir novos negocios ou reconverter os existentes en algún dos 29 concellos que integran as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses”.
O alumnado, previamente ao acto de hoxe, participou estes meses en dous cursos: un de motivación e xeración de ideas e outro de maduración de ideas empresariais. Nestas dúas accións formativas os estudantes coñeceron novas tipoloxías de empresas con valores sociais e medioambientais, que se presentan nos Campus coma un exemplo de boas prácticas coa contorna e coas xeracións do futuro; e afondaron sobre a viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental e económico-financeira dun negocio.
Para rematar o adestramento, os rapaces visitaron as instalacións de varias empresas lucenses para coñecer de primeira man iniciativas empresariais exitosas enmarcadas na Reserva da Biosfera Terras do Miño que están a revitalizar o rural lucense. Unha vez rematado este campus ofrecéronse unha serie de titorías para prestar asesoramento personalizado ao alumnado que desexou continuar o traballo de maduración das súas ideas iniciado durante o campus.
Preto de 500 participantes e 21 empresas creadas
Dende a posta en marcha desta iniciativa da Deputación para buscar novas oportunidades no rural, foron xa case 500 as persoas de todas as idades que recibiron formación de balde e que sentaron os alicerces de 21 novas empresas na provincia, moitas delas directamente ligadas a venda, promoción e presentación online de todo tipo de produtos ligados ao noso rural e ao sector agrogandeiro.
Estas foron as novas empresas creadas: A horta da Sancoveiga (Vilalba); Esther Fernández Díaz (Ancares); Nenea, medrar creando (Lugo); Avogar (Lugo); Bico de Grao (Lugo); PK3 Ingenieros (Lugo); Marmeladas Acea de Olga (Lugo); WiseKid Summer Camp (Lugo); Mel Casa Príncipe (Cervantes); Explotación Extensiva de Gando Vacún (Sarria); Abadía (Mondoñedo); Bufarda Arquitectura (Monterroso); Esmorga Eventos (Mondoñedo); Galimós: A nosa granxa de galiñas de Mós (Outeiro de Rei); M3 Aguas (Lugo): ingeniería ambiental; Tu alicate, tenda online de ferramentas (Becerreá); Artesanía Calabazas Mago de Luz (O Corgo); Centro Shalom (Lugo); Caserío Meiroi (Navia de Suarna); Elexes, más que electricidad (Lugo); Hotel Os Ancares (Becerreá).

PUBLICIDADE