Até 30 centros de ensino poderán sumarse este curso a Club da Ciencia

luns, 16 de setembro do 2019 Redacción

Un total de 30 centros de ensino poderán sumarse o vindeiro curso ao programa Club de Ciencia, impulsado pola Consellería de Educación. Estes centros sumaranse aos 91 centros que participaron no curso 2018/19 e que verán prorrogada a súa continuidade neste programa. Esta vontade de iniciar á rapazada na investigación e o desenvolvemento tecnolóxico compleméntanse coa terceira edición dos Premios Desafíos STEM: programación, robótica e impresión 3D, que busca recoñecer o labor nos centros cos materiais e a formación recibida nestes ámbitos.
O obxectivo do Club de Ciencia é “estimular o espírito científico entre o alumnado galego ao tempo que impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos eidos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico”. En base a isto, concíbese como un espazo de aprendizaxe “non formal” baseado nunha metodoloxía de indagación de máxima interactividade entre docentes e alumnado.
Cada centro docente seleccionado para desenvolver un Club de Ciencia recibirá unha achega económica de 1.250 €. O importe máximo da convocatoria, que conta tamén con orzamento para o continuidade dos centros implicados no curso que acaba de rematar, ascende a 151.250 €.
As actividades vencelladas a este programa desenvolveranse fóra do horario lectivo do alumnado nos espazos que se consideren ou habiliten do centro docente, cun mínimo de catro horas ao mes.
Poderán presentar solicitudes aqueles centros docentes públicos da Consellería de Educación que impartan ensinanzas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou bacharelato.
Este é o cuarto ano consecutivo que se pon en marcha esta iniciativa, que naceu como experiencia piloto no curso 2016/17 con 9 centros e que se ampliou a 29 centros no 2017/18 e a 91 centros de ensino público no 2018/19.
Desafíos STEM
Polo que se refire aos Desafíos STEM, os proxectos que se presenten aos premios deberán estar elaborados enteiramente polo alumnado coa dotación que a Consellería realizou aos centros públicos de ensino non universitario dende o curso 2016/17, tales como equipamento de robótica educativa, placas de comunicación e programación e equipo de impresión 3D. Para empregalos, o alumnado conta cos coñecementos específicos STEM presentes nas aulas galegas a través das distintas materias troncais, específicas e máis concretamente nas materias de libre configuración autonómica de Programación para a educación secundaria obrigatoria e Robótica para bacharelato. O curso pasado participaron nesta convocatoria, enmarcada na Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020, un total de 11 centros educativos.

PUBLICIDADE