Até 250 centros escolares galegos participarán na vindeira edición de Digicraft no teu cole

xoves, 18 de xuño do 2020 Redacción

A Xunta de Galicia, a través da AMTEGA e a Consellería de Educación, Universidade e Formación, e a Fundación Vodafone España presentan a nova edición do proxecto DigiCraft no teu cole para o curso académico 2020/2021. A nova edición consolida o acordo de colaboración asinado por ambas as institucións en 2019 para levar a Galicia esta iniciativa pioneira en España e fomentar o desenvolvemento de competencias dixitais desde a infancia, enmarcándose no Plan DigiTalent da Xunta.
Co lanzamento desta segunda edición de DigiCraft no teu cole, a Xunta e a Fundación Vodafone España incorporarán ao programa ata 200 novos centros escolares de educación primaria en toda Galicia, que se sumarán aos 50 que xa participaron o último ano e seguirán desenvolvendo o proxecto.
Esta nova convocatoria publicarase no primeiro trimestre do próximo curso 2020/21 e a posta en marcha do programa farase no segundo trimestre do curso escolar, momento no que os centros escolares que se inscriban recibirán todos os materiais tecnolóxicos e a formación ao profesorado.

Final curso DigiCraft 2019/2020 e entrega premio Reto DigiCraft Online Galicia 2019

A primeira edición desta iniciativa conclúe agora co peche do curso 2019/2020 e nela participaron 3.800 alumnos de educación primaria e 100 docentes de 50 centros educativos galegos, que puxeron en marcha diferentes itinerarios formativos centrados en realidade aumentada, intelixencia artificial, videoxogos e robótica.
A Fundación Vodafone puxo tamén ao dispor da comunidade educativa a plataforma online de acceso gratuíto DigiCraft cuxos contidos e recursos online, grazas á colaboración da Xunta, tiveron moi boa acollida estes últimos meses, superando os 4.000 usuarios na Comunidade.
Ademais, durante estas últimas semanas, a Xunta e a Fundación Vodafone España organizaron unha actividade online para pechar o actual curso académico 2019/2020 e adaptarse ao novo contexto de educación online provocado pola pandemia. Esta actividade, denominada Reto DigiCraft Online, contou coa participación de máis de 500 escolares de forma totalmente online e a través de diferentes ferramentas colaborativas postas á súa disposición por ambas as entidades.
Mañá venres 19 de xuño terá lugar o acto de clausura do Curso DigiCraft, unha cerimonia en aberto onde poderán participar todos os alumnos e alumnas que formaron parte do programa. O evento contará coa presenza de representantes da Xunta de Galicia e Remedios Orrantia, presidenta da Fundación Vodafone España e, durante o mesmo, farase entrega do premio ao centro gañador do Reto DigiCraft Online, que recibirá novos materiais para continuar desenvolvendo o programa DigiCraft nas súas aulas o ano que vén.

Convenio de colaboración asinado en xuño de 2019

O programa DigiCraft no teu cole é froito do convenio de colaboración asinado en xuño de 2019 pola Fundación Vodafone España, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA.
DigiCraft é un programa educativo pioneiro, creado en España, para potenciar o desenvolvemento das competencias dixitais na infancia e a mocidade, poñendo ao dispor de nenas e nenos de entre 6 e 12 anos (con especial foco en infancia vulnerable) diferentes xogos colaborativos e manualidades para aprender utilizando como vehículo a intelixencia artificial, a realidade aumentada ou o deseño 3D dunha forma fácil e divertida.
Todo iso articulado a través dunha metodoloxía de aprendizaxe baseada no xogo e a experimentación deseñada pola Fundación Vodafone España en colaboración coa Universidade de Salamanca.

PUBLICIDADE