Até 200.000 persoas visitaron o ano pasado a web do Instituto Galego de Consumo

luns, 15 de marzo do 2021 S. P.

Este luns 15 de marzo é o Día Mundial dos Dereitos das Persoas Consumidoras e a Dirección Xeral de Consumo non quixo deixar pasar a oportunidade de celebrar a xornada e, tamén, de facer balance dos principais recursos cos que contamos os usuarios-consumidores en Galicia para protexernos. Por exemplo a web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que o ano pasado visitaron máis de 200.000 persoas e que preto de 5.000 internautas utilizaron para facer as súas reclamacións en liña.
Estes e outros datos foron achegados polo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, que engadiu que a páxina conta cunha nova aula virtual e unha ludoteca na que se poden descargar un cómic e un conto para achegar aos máis novos ao consumo responsábel.
Entre as novas funcionalidades da web consumo.xunta.gal atópase como dixemos unha nova aula virtual para a realización de cursos, obradoiros, conferencias, publicacións e estudos. Tamén dispón dunha nova sección de ludoteca, na que xa se pode acceder a un conto sobre a seguridade nos xoguetes e a un cómic que achega consellos para comprar seguro a través de Internet.
Tal e como explicou o director xeral de Comercio e Consumo, que estivo acompañado pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, María Jesús Muñoz, estes libros están a disposición dos centros educativos galegos, salientando que a colaboración cos mesmos é primordial para chegar á poboación máis nova. No acto celebrado hoxe participaron representantes do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela, aos que se fixo entrega de exemplares destas novas publicacións.
Manuel Heredia sinalou así mesmo que o IGCC pon a disposición de todas as persoas consumidoras a través da web un asistente de reclamacións, que permite presentalas en liña sempre que se conte cun certificado dixital ou a Chave365, e que tamén se pode utilizar para facer todos os pasos na web e despois imprimir a reclamación para presentala de xeito presencial en calquera rexistro público.
Ademais de para presentar as novas actuacións, o acto deste 15 de marzo serviu tamén para facer balance da actividade realizada polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia no 2020, marcado pola evolución da COVID-19. Tal e como sinalou Manuel Heredia, o ano pasado o IGCC atendeu un total de 39.133 consultas e 16.443 reclamacións, máis de 45 ao día. Os sectores máis reclamados foron os de telefonía (29,1%), seguido de subministración de enerxía eléctrica (10%), turismo e ocio (7,3%), transportes (6,7%), saúde e estética (5,9%) e financeiro (5,8%). Das queixas presentadas, ata a data foron resoltas xa o 45% de maneira favorábel ao consumidor, un 15% resolvéronse a través dun laudo arbitral e máis dun 5% supuxeron a apertura dun expediente sancionador.

PUBLICIDADE