Até 13 concellos implícanse este ano no certame Youtubeir@s

xoves, 14 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

O certame Youtubeir@s de vídeos en galego presentou onte a súa terceira edición, tal e como reflectimos ao detalle en Código Cero, facendo un repaso polos logros de anos anteriores e polas novidades de 2019. Esta convocatoria, segundo puidemos saber, será novamente unha convocatoria de incorporacións, crecemento e obxectivos redobrados, o que confirma a gráfica ascendente de Youtubeir@s. Para comezar, hai máis concellos implicados na organización do certame, a través dos servizos de normalización lingüística de cada entidade local. Estamos a falar dos gobernos locais da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo. A estas entidades cómpre engadir as nosas tres universidades e maila Deputación da Coruña.
Segundo informou onte o Concello de Santiago, a través do seu alcalde Martiño Noriega, o incremento nos apoios ao certame “demostra que as institucións locais poden liderar as iniciativas para reivindicar o uso da lingua en todos os ámbitos e en todas as idades”, sinalou o rexedor compostelán, quen participou na presentación da terceira edición de Youtubeir@s nunha rolda de prensa celebrada na Facultade de Ciencias da Comunicación na que tamén interviñeron a coordinadora do proxecto, Mónica Fernández Valencia; o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, Gumersindo Feijóo.
Outro dos concellos implicados é o de Ames, que estivo representado no acto pola concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, e pola técnica de Normalización Rosa Moreiras. Segundo explicaron, o Goberno local de Ames participa por terceiro ano consecutivo no proxecto Youtubeir@s, que naceu “co obxectivo de promover e darlle visibilidade ao uso do galego a través de Youtube, a rede social de vídeos máis grande da Rede”. No acto tamén participou o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, entre outros moitos representantes das entidades implicadas na organización do concurso.

PUBLICIDADE