Asturias estuda tirar proveito da experiencia galega ao abeiro da Historia Social Única Electrónica

martes, 4 de abril do 2017 Redacción

O modelo galego de Historia Social Única Electrónica (HSUE) está a espertar interese alén da nosa terra. Sen ir máis lonxe, unha Comunidade que nos toca aos galegos de preto, Asturias, expresou a súa vontade de tirar proveito da experiencia galega. Este interese e esta predisposición á colaboración mutua fortaleceuse os días pasados cunha xuntanza entre a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (AMTEGA), Mar Pereira, e o director xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social, Arturo Parrado. Foi unha reunión de traballo na AMTEGA mostrou o roteiro a seguir para implantar o devandito sistema HSUE, que fornece aos traballadores da área social, “tanto a nivel autonómico como municipal”, un “acceso único ao expediente social dixital de 530.000 usuarios.
Na sesión tamén participou a directora xeral de Planificación e Innovación Social da Consellería de Servizos e Dereitos Sociais, Nerea Eguren; e a directora xeral de Planificación Sanitaria da Consellería de Sanidade de Asturias, Mª Concepción Saavedra, que se achegaron a Galicia para coñecer de primeira man a iniciativa da Historia Social Única Electrónica, que esta a desenvolver a Xunta no marco do Plan Trabe de Modernización dos Servizos Sociais. Segundo lles comunicou Mar Pereira, a día de hoxe xa hai un centenar de concellos adheridos formalmente ao HSUE. Tamén lembrou que unha das principais características deste sistema é “que integra nun mesmo acubillo dixital todos os datos relativos a historia social do individuo e facilita a coordinación de todos os axentes que participan na prestación dos servizos sociais”.
Os representantes galegos explicaron aos representantes de Asturias o proceso de implantación da HSUE. Tamén lles informaron que nas vindeiras semanas completarase a integración da información do sistema SIUSSGAL, que empregan os traballadores dos servizos sociais comunitarios, na Historia Social Única Electrónica, “o que mellorará o intercambio de información entre os profesionais dos servizos sociais de ámbito local e autonómico”, informaron, engadindo que o devandito é “un paso crucial para completar a información da Historia Social Única Electrónica de cada individuo e incrementar a coordinación entre profesionais, ao tempo que facilitará o seu labor evitando mecanizar información que estaba no SIUSS pero non accesíbel desde HSUE así como o seu envío en papel”. A este avances, explicaron, “sumarase dende abril a incorporación da sinatura electrónica a través de HSUE, o que permitirá asinar de maneira dixital os informes sociais normalizados e arquivalos na Historia Social Única Electrónica do individuo, o que nun futuro posibilitará o envío telemáticos deste informe ás unidades tramitadoras”.
Lembrar que dende o mes de abril, “e de xeito progresivo”, facilitarase o acceso do persoal médico dos equipos de valoración de diversidades funcionais e dependencia ao Historia Clínico Electrónica de persoas que soliciten este recoñecemento. “Esta medida”, informaron os representantes da Xunta, “contribuirá a acurtar os tempos de tramitación das referidas valoracións”.
Máis de 530.000 expedientes dixitais
A HSUE púxose en marcha pasado mes xullo nos concellos de Boqueixón, Brión, Tordoia e Viveiro. Tras unha fase de probas iniciouse a súa extensión a outros concellos co apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias, a través dun convenio asinado en novembro.
En tres meses formalizouse á adhesión de máis de 70 entidades locais á plataforma, que poden acceder ao expediente social de máis de 530.000 usuarios en formato electrónico.
Como dixemos, a extensión da Historia Social Única Electrónica (HSUE) integra nun mesmo sistema todos os datos relativos á historia social do individuo, incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nas mesmas.
A plataforma proporciona “unha identificación unívoca dos cidadáns”, ao empregar a numeración da tarxeta sanitaria e garante a seguridade no acceso á información a través do uso de certificado por parte dos profesionais, que accederán só aos datos e información necesaria para o desenvolvemento do seu labor.

PUBLICIDADE