Aseguran que o tablet de Apple chegará ao mercado en marzo

martes, 5 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

O Wall Street Journal contribúe aos rumores sobre o lanzamento dun dispositivo tipo tablet por parte de Apple, que sería presentado o día 27 do presente mes e que chegaría ao mercado segundo o rotativo norteamericano no mes de marzo.
Polo momento coméntase que o novo trebello terá unha pantalla multi-táctil de entre 10 e 11 polgadas, e non sería nin un portátil, nin un iPhone xigante, nin un lector de libros electrónicos, senón que definirá un novo tipo de usos e o seu prezo estaría por debaixo dos 1.000 dólares.
Dende distintos medios comentan que podería converterse nun lector de revistas electrónicas que incluíse funcións multimedia e web, e tamén podería contar con aplicacións como as do iPhone e, de feito funcionaría co sistema operativo iPhone OS 4.0, e incluso sería posible converter actuais aplicacións para o móbil de Apple ao novo dispositivo, aínda que ningunha das informacións difundidas a través da Rede veñen de fontes oficiais, polo que haberá que agardar a finais de mes para ver se todas estas filtracións atenden a unha realidade ou entran máis na categoría de globos sonda.

PUBLICIDADE