As xuntanzas Betabeers volven a Santiago o 19 de abril (no CNTG)

venres, 12 de abril do 2013 Redacción

O vindeiro 19 de abril celébrase en Compostela unha nova xornada de Betabeers Galicia, que recunca en Santiago logo da cita previa coa que pechou 2012. A nova xuntanza dará comezo ás 19.15 no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia e, coma os eventos predecesores, será unha reunión para desenvolvedores de servizos web e aplicacións para teléfonos intelixentes. Lembrar que as xuntanzas de Betabeers teñen por obxectivo relacionar a profesionais técnicos con espírito emprendedor, programadores frontend, backend, deseñadores, investidores e asesores a través de coworking e amosar as últimas tecnoloxías ou innovacións no desenvolvemento a través de obradoiros curtos.
O programa inclúe unha presentación que nos levará da man cara aos primeiros pasos con Drupal e logo pasarase a afondar en dous proxectos novos: Lancetalent.com e máis Panoraudio.com. O primeiro proxecto encamíñase á posta en marcha dun servizo para acadar o mellor talento posíbel para unha iniciativa empresarial de innovación, co fin de obter os mellores resultados na mesma. O segundo, Panoraudio, ten o obxectivo de facilitarnos as cousas á hora de recadar información na Rede, decote procedente en formato de texto. En virtude deste proxecto, temos un servizo a través do cal, logo de elixirmos a categoría de ficheiros solicitada, escoitamos a descrición (en formato audio) do destino, emprazamento ou servizo que nos interese.

PUBLICIDADE