As xornadas do Proxecto TIC TAC desembarcan na Coruña e en Vigo

mércores, 6 de abril do 2011 Raquel Noya

Mañá xoves, 7 de abril, a Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña e a Biblioteca Nodal de Vigo, van acoller cadansúa xornada formativa do Proxecto TIC TAC, na que se informará ás persoas con discapacidade e a colectivos vinculados con elas, das vantaxes que lle ofrecen os equipos adaptados dos que dispoñen nos máis de 149 centros públicos con acceso á Rede que hai no noso país.
As persoas asistentes tamén recibirán información de utilidade sobre os lugares onde atopar este equipamento, formado, entre outras cousas, por software específico e elementos periféricos especiais como pantallas táctiles que se activan por contacto coa pel, brazos articuladores, ratos alternativos de bola xigante, teclados con teclas de gran tamaño...
Este equipamento, que permite facer uso dun PC ao 60-70 por cento, está pensado específicamente para que as persoas con discapacidade visual, auditiva, cognitiva ou motora poidan acceder a Internet coas mesmas facilidades que calquera outro internauta.
Na Coruña son cinco os centros que dispoñen deste equipamento: o Servizo Municipal de Bibliotecas, a Biblioteca Nodal, o Complexo Hospitalario Universitario, a aula CeMIT da Biblioteca Miguel González Garcés e o Centro de Educación Especial Santiago Apóstol.
Mentres que en Vigo son 8: os Centros de visitantes do Parque Nacional Illas Cíes en Cíes e Ons, a Biblioteca Nodal de Vigo, o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, o Centro Integrado de Formación Profesional de Coia, a Residencia Asistida de Maiores e as aulas CeMIT de la ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación e do Concello de Vigo.
As xornadas teñen unha duración de 4 horas e celebraranse ao longo deste mes en Lugo, Santiago de Compostela, Viveiro, Ourense, O Barco de Valdeorras e Pontevedra.

PUBLICIDADE