As xornadas ITMATI amosarán como frear andazos e evitar catástrofes botando man das tecnoloxías matemáticas

mércores, 11 de novembro do 2015 Fernando Sarasketa

A Facultade de Informática acolle a partir deste xoves 12 (e até o venres 13) a terceira edición duns encontros destinados a amosar o potencial da interrelación entre cálculo a gran escala e protección de persoas, inmóbeis e infraestruturas de toda índole. As Xornadas sobre Seguridade, Defensa, Tecnoloxías Matemáticas e Computacionais veñen da man do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), do que forman parte as tres universidades galegas, e contan coa colaboración do Centro de Investigación TIC (CITIC), CESEDEN, M2NICA e a Universidade da Coruña, entre outras institucións e empresas. Segundo informan estas entidades, múltiples exemplos e experiencias demostran hoxe en día que as tecnoloxías matemáticas e de cómputo resultan “unha ferramenta clave para a innovación en seguridade e defensa”. Por exemplo, sinalan, poden axudar (e moito) a predicir o espallamento de andazos entre humanos.
Este tema en concreto das epidemias será tratado por Ángel Ramos, profesor titular de Matemática Aplicada da Universidade Complutense de Madrid, IMI. O profesor Ramos amosará nas xornadas da Coruña os resultados das aplicacións que desenvolveu en base á epidemia recente de ébola. Nos encontros tamén poderemos dar conta dos achados de Navantia a prol da comodidade e a seguridade na navegación (mitigación do ruído de banda larga radiado polas hélices) e dos traballos levados a cabo por un equipo de investigadores do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) no ámbito do modelado e a simulación numérica de grandes masas de xeo: un labor dirixido a predicir o avance-retroceso de grandes masas de xeo, “o que podería converterse nunha ferramenta eficaz para previr catástrofes derivadas do aumento do nivel do mar en zonas costeiras como consecuencia do desxeo”, segundo apunta Carlos Vázquez, catedrático de Matemática Aplicada na UDC e director científico da terceira edición destas xornadas.
En total, as xornadas contarán con trece relatorios sobre as amplas posibilidades do cómputo na nosa vida cotiá. Os encontros tamén contarán coa participación de INTA, OTAN, ROIA, CUD (Marín), CAG e as empresas Everis, Navantia, Aerial works e Iauditoría. Por certo que o xoves 12 ao mediodía está previsto que o CITIC dea a coñecer, da man do seu coordinador Manuel González Penedo, os seus proxectos recentes de transferencia de coñecemento e valorización de tecnoloxías. Tamén é de salientar a participación de Federico Pérez Dueñas, coordinador da Organización de Ciencia e Tecnoloxía (STO) da OTAN, que ofrecerá unha radiografía do funcionamento dos case 300 programas de ciencia e tecnoloxía que se coordinan desde París, iniciativas de interese para a OTAN propostas polos países integrantes, algunhas orientadas ao desenvolvemento de novas plataformas, novos avións de combate, novas armas con menores danos colaterais, etc, e outras centradas na creación de simuladores para capacitar o mellor posíbel a un médico en combate, ou envorcadas na prevención de ciberataques a calquera soporte civil, industrial ou gobernamental.
Outro dos relatorios máis agardados é o de Manuel Catalán, xefe do Servizo de Xeomagnetismo do Real Instituto e Observatorio da Armada (ROIA) do Ministerio de Defensa, quen exporá a estratexia científica de España nos lugares máis fríos e hostís do noso planeta: o Ártico e a Antártida. Trátase dunha batería de traballos de investigación básica relacionados sobre todo coas Ciencias da Terra: traballos que atinxen (por exemplo) ao seguimento da evolución do grosor da capa de ozono ou á adaptación dos seres vivos a condicións climatolóxicas severas, ou, tamén, á tectónica de placas. Entre os resultados máis recentes, Catalán destaca os estudos sobre a estrutura da cortiza terrestre no Mar de Bransfield, onde se atopan as dúas bases antárticas españolas: Juan Carlos I e Gabriel de Castela. “Obtivemos evidencias que amosan que o fondo do devandito mar está a espallarse, o cal podería conducir á formación dun novo océano, aínda que este extremo non é concluínte”, avanza Catalán.

PUBLICIDADE