As xornadas Cando Mario coñeceu a Clío converten a Historia en videoxogo

xoves, 9 de abril do 2015 Redacción

Tirar proveito da canle audiovisual, dos medios de comunicación e, en definitiva, do progreso é unha boa táctica para dar a coñecer a Historia (con maiúsculas) do noso pasado. É por iso que o Campus de Ourense acollerá do 16 ao 23 de abril a terceira edición das Xornadas Cando Mario Coñeceu a Clío. Detrás da organización deste evento atópanse a Delegación de Alumnos da Facultade de Historia coa colaboración do centro, da Asociación de Antigos Alumnos da mesma facultade e de El 8º Historiador.
“Este ano celebraremos a terceira edición das xornadas, que cada ano van consolidando a súa programación. Seguiremos na mesma liña de anos anteriores de intentar difundir como se transmite a historia a través dos medios audiovisuais, desde o cine e os videoxogos até os cómics”, apunta David Morenza, organizador da actividade xunto a Ángeles Coello e Xoel Díaz. Desta volta, a maior parte das intervencións correrán a cargo de estudantes da Facultade de Historia, aínda que tamén se convidou a participar a alumnado doutros centros, tanto do campus de Ourense coma de fóra del, salientando a participación de estudantes da área de deseño.
En canto á programación destas Xornadas Cando Mario coñeceu a Clío, dicir que comeza o día 16 de abril coa celebración pola tarde dun torneo do videoxogo Age of Empires II, para o que é preciso previa inscrición.
O día 20 o xogo Assassin´s Creed II, permitirá aos participantes facer un paseo diferente e virtual pola Italia do Renacemento (Florencia e Venecia).
Completa esta programación unha demostración de esgrima antiga que terá lugar o día 21 de abril.
Os días 22 e 23 celebraranse o resto das xornadas cun amplo programa de conferencias sobre xogos, videoxogos, xogos de rol e series de televisión de carácter histórico.
Marián Ferro será a encargada o día 22 de abranguer a serie de TVE Isabel, baseada na vida da raíña Isabel I a Católica. Na súa intervención tentará responder á pregunta de se se trata dun recurso histórico ou é só lecer. Patricia Valle, Yira Calvo e Antonio Rodríguez falarán do xogo de rol Ordalía e do uso nel da historia. Pola súa banda, David Morenza presentará unha conferencia na que explicará como estudar Historia a través dos videoxogos.
Para rematar, o día 23 Alberto González falará sobre a historicidade das campañas de Age of Empires II e Pablo Rodríguez sobre a serie Hispania. Asemade, haberá un espazo para a presentación de pósters.
As sesións desenvolveranse no salón de actos do Edificio de Ferro e para asistir a elas non é preciso inscribirse con anterioridade.

PUBLICIDADE