As webs de Pontevedra, A Coruña e Ourense, as máis transparentes da nosa terra

xoves, 2 de febreiro do 2017 Fernando Sarasketa

As webs dos concellos de Pontevedra, A Coruña e Ourense veñen de ser recoñecidas por Dyntra (entidade encargada de avaliar a transparencia e a rendición de contas das diversas institucións estatais) como as máis transparentes dos gobernos locais da nosa terra. As distincións, materializadas en cadanseus diplomas, foron dadas a coñecer onte en Santiago, no transcurso dunha xornada sobre transparencia pública na Comunidade. Na elaboración do informe que serviu de alicerce aos recoñecementos (o índice DAM) tamén traballou a asociación Transparencia Pública. As entidades responsábeis do estudo certificaron que o nivel de transparencia de Pontevedra e da Coruña é a día de hoxe do 67%, en ámbolos dous casos. Na xornada participou o alcalde ca Coruña, Xulio Ferreiro, e máis o rexedor da cidade do Lérez, Miguel Fernández Lores. Tamén estivo presente Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, a segunda cidade da listaxe (tendo en conta o empate das dúas primeiras).
Ademais de agradecer este diploma, o rexedor de Pontevedra dixo que para el a transparencia “é moito máis que os índices publicados no web”, xa que o Goberno de Pontevedra “non é agora máis transparente ca antes”. Na súa opinión, os novos instrumentos web permiten unha maior facilidade para acceder aos datos, porén, “en ningún caso a transparencia é un antídoto contra a corrupción, como algúns sosteñen”.
Pola súa banda, o alcalde coruñés informou dalgunhas das medidas impulsadas polo Executivo local para “abrir o coñecemento da xestión municipal á cidadanía e de cara ao rendemento de contas”. Estas medidas, dixo, abranguen cousas como a inclusión de membros dos grupos da oposición na Xunta de Goberno local e na mesa de contratación, a retransmisión en directo dos plenos ou a recente posta en marcha dun portal web transparencia do Concello, “no que a cidadanía pode acceder de forma sinxela á información relacionada coa xestión da institución local”.
A maiores, Jesús Vázquez agradeceu o premio entregado á cidade de Ourense, deixando constancia de que “cando se trata de falar de transparencia non estamos descubrindo nada novo: a transparencia non debe ser o mero cumprimento dunha lei concreta, senón unha actitude para establecer as mellores relacións cos veciños”, dixo.
Pontevedra e A Coruña encabezan o ranking galego seguidos de Ourense, Vigo, Lugo, Ferrol e Santiago, nunha relación de 33 concellos de máis de 15.000 habitantes que pecha O Porriño.

PUBLICIDADE