As vendas de produtos con iOS e OS X poderían igualarse ás de Windows durante 2014

mércores, 15 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Historicamente a cota de mercado de Apple no sector da informática persoal podería considerarse irrelevante, sendo especialmente crítica a situación do ano 2004, cando o número de ordenadores vendidos baseados en Windows era 56 máis o volume de venda dos equipos Mac, pero a cousa foi mudando nos últimos anos, de xeito que hoxe só se venderían 18 ordenadores con Windows por cada equipo con OS X, pero Horace Dediu quixo mudar o xeito de realizar esta comparación, e meteu no saco de Apple os produtos con iOS (iPhone e iPad), o que non é unha comparación xusta (por mesturar produtos de distintas categorías) pero que serviría para ilustrar o que algúns chaman a era post-PC, xa que o número de ordenadores con Windows vendidos en 2013 sería só 1,18 veces as vendas de Apple, agardándose que durante 2014 cheguen a empatar en vendas.
Se deixamos fóra da comparación ao iPhone e só metemos ao iPad (o que parece razoable agora que comeza a ser habitual ver tablets con Windows 8.1) Microsoft continúa a ter unha vantaxe importante, pero moi lonxe do que podiamos ver na década pasada, o que é todo un signo dos tempos que corren e que nos levaron a unha situación imposible de prever nas décadas dos 80 ou 90, cando o uso da tecnoloxía era moito menos persoal do que facemos agora, e que está a provocar uns cambios de hábitos que, aínda que non están a supor a morte do PC, si o deixan nun segundo plano, por detrás de produtos emerxentes como os smartphones e os tablets.

Unidades de produtos con Windows comparadas cos de Apple

PUBLICIDADE