As vantaxes de xerar turismo nas redes, ao detalle nunhas xornadas da Deputación de Lugo

martes, 18 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

Esta semana (hoxe e mañá) celébranse no salón de actos da Deputación de Lugo unhas xornadas para dar a coñecer os éxitos recentes das empresas e entidades da provincia en materia de turismo, de innovación agroalimentaria e, por suposto, de uso das novas tecnoloxías para a promoción do turismo local en calquera das súas vertentes. As xornadas están a contar coa presenza do presidente da Deputación, Darío Campos, quen inaugurou a xuntanza salientando que un dos obxectivos é mostrar os grandes éxitos de innovación lucenses, ao mesmo tempo que se pon en valor a materia prima de primeira calidade coa que se conta. Na cita estase a visualizar o bo facer de iniciativas como Milhulloa, Champivil, Caurelor, Embutidos Suarna ou a C.R.D.O Queixo do Cebreiro.
Ao longo das xeiras de traballo e intercambio de coñecemento teñen cabida os representantes do turismo agroalimentario provincial; axentes turísticos, produtores, guías, expertos en comunicación dixital, hostaleiros e gandeiros, entre outros.
As xornadas veñen da man da Deputación de Lugo e nela participan 15 expertos relacionados con proxectos de innovación turística na provincia. O evento contará coa presenza, tamén, do director do Instituto Galego do Viño, Xoan Cannas que falará sobre as claves para a creación de produtos de enoturismo; e Sandra Touza, directora executiva da plataforma e mercado en liña Ponle cara al turismo, que tratará as novas oportunidades turísticas como alternativa ao desenvolvemento rural. Ponle cara al turismo, para quen non o saiba, é un servizo en liña que xorde para cubrir as novas necesidades das empresas e iniciativas locais, dende artesáns a guías turísicos, pasando por pequenos produtores que queren mostrarse ao mundo e aumentar as súas vendas. Asemade, pretende dar servizo aos turistas, dándolles a coñecer novos destinos dende “outro punto de vista”.
Xornada de mañá
Mañá, mércores día 19, os asistentes realizarán unha ruta pola faba de Lourenzá. No programa inclúese visitas guiadas polo patrimonio artístico da vila como o Mosteiro de San Salvador ou o Museo de Arte Sacro; paseos pola natureza na área recreativa Muíño do Pereiro, unha degustación gastronómica e outras visitas como o Centro de Interpretación da faba.

PUBLICIDADE