As vantaxes de construír buques con tecnoloxías intelixentes centraron unha conferencia da AETG e AMTEGA

luns, 28 de outubro do 2019 Redacción

Hoxe celebrouse na Cidade da Cultura unha xornada sobre os novos e máis avanzados xeitos de deseñar e construír un barco, empregando metodoloxías da Industria 4.0 e apostando pola eficiencia e a análise da información a gran escala: a conferencia Xemelgos Dixitais e o reto dos buques intelixentes, inserida no programa de transferencia de coñecemento sobre novas tendencias TIC asinado entre a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) e maila axencia AMTEGA. A cita contou coa presenza dos enxeñeiros e directores de Navantia Donato Martínez Pérez de Rojas, Juan Ignacio Silvera Vez e Carlos Blanco Seijo.
Inauguraron o acto o presidente da AETG, Julio Sánchez Agrelo e a directora da área da Sociedade da Información da AMTEGA, Rosa Méndez Calvo. Asistiron profesionais dos departamentos de innovación e tecnoloxía de empresas galegas do sector da construción naval e tamén do sector TIC.
Na charla achegouse unha visión xeral do plan de transformación que dá lugar ao Xemelgo Dixital no entorno da construción naval, abordándose os retos e oportunidades desta tecnoloxía e a súa implicación no ecosistema naval e marítimo, finalizando cunha exposición dun caso de aplicación nos futuros buques da Armada Española.
Donato Martínez salientou “a complexa situación na que se atopa a industria naval debido aos longos ciclos de oferta e demanda e á necesidade de facer buques con cero emisións a finais do presente”. Para Navantia, o Estaleiro 4.0, faro da transformación dixital, actúa “como catalizador para seren máis eficientes, mellorar os sistemas de innovación e mellorar a colaboración coas partes interesadas”.
Juan Ignacio Silvera resaltou “a importancia do concepto de Xemelgo Dixital” como “máxima panca de transformación”, tanto cara ao cliente en forma de novos produtos e servizos intelixentes, como internamente mellorando a eficiencia. Tamén puxo o foco en que é a experiencia enriquecida ao redor das persoas a que materializa e valida esta contribución de valor.
Pechando as intervencións, Carlos Blanco presentou os obxectivos e bases do Xemelgo Dixital que incorporarán as futuras fragatas da Armada e como este contribuirá á mellora nas operacións e ciclo de vida destes buques.
Esta conferencia nace como unha iniciativa da Oficina de Concellos xestionada pola AETG no marco do convenio asinado coa AMTEGA. A Oficina Concellos ofrece un servizo de asesoramento e soporte especializado sobre normativa e solucións técnicas para o despregue de infraestruturas de telecomunicación ás entidades locais.

PUBLICIDADE