As universidades galegas contarán cunha plataforma común e aberta de educación a distancia

mércores, 31 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

A educación superior en Galiza semella que non vai ficar á marxe dos obxectivos do Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI). De feito, as universidades galegas van estar no punto de mira dunha das primeiras iniciativas que abrangue o Plan: desenvolver un sistema de formación a distancia para as tres institucións educativas superiores da nosa terra (Santiago, Vigo e A Coruña). Esta medida da Consellería de Innovación sosterase sobre o desenvolvemento dunha serie de contidos que estarán a total disposición das tres universidades e da cidadanía en xeral. O proxecto, coñecido como PUB-LA2-l4 Plataforma de e-learning universitaria levará consigo un financiamento de máis de 35 millóns de euros para os vindeiros tres anos e irá encamiñado a sacarlle punta as moitas posibilidades da educación sobre a vantaxe principal das novas tecnoloxías do coñecemento: que nos libera de ter que facer acto de presenza en calquera espazo co que queiramos comunicarnos ou obter información. Unha dos puntos máis salietables da plataforma é que vai ser desenvolvida sobre software libre, polo que o código fonte ficará aberto para todos aqueles internautas e/ou informáticos que queiran empregalo ou afacelo ás súas necesidades.

PUBLICIDADE