As tendencias tecnolóxicas que están por chegar explicadas nunha xornada na Coruña

venres, 2 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Dentro da serie de eventos que o espazo de coworking WeKCo organiza para celebrar o seu terceiro aniversario, o xornalista e blogueiro Manolo Rodríguez impartirá un relatorio sobre As tendencias tecnolóxicas que veñen, para o que xa está aberta a súa inscrición de balde. Nesta actividade preténdese introducir aos asistentes nos usos que se poden dar ao big data ou á Internet das Cousas, así como a tendencias nas redes sociais e tecnoloxías que agora están a funcionar e as que se implantarán nun futuro próximo.
Manolo Rodríguez intentará explicar durante 45 minutos como fai a banda Iron Maiden para elixir o lugar dos seus concertos facendo uso do big data, dará conta de como fai a policía londiniense para predicir as rúas na que se van producir máis delitos e incluso comentará que hai inodoros que analizan os ouriños e cepillos de dentes que din onde temos sarrio e indica as zonas da boca que aínda non cepillamos. Tampouco deixará de lado as redes sociais do futuro, os usos que daremos a smartphones e wearables... para concluír a súa exposición cunha quenda de preguntas nas que os interesados en tecnoloxía que queiran acudir poderán clarexar as súas dúbidas.

PUBLICIDADE