As tecnoloxías que combateron as consecuencias da pandemia centran as Xornadas de Innovación Docente da UDC

mércores, 26 de maio do 2021 S. P.

Máis de 200 docentes da Universidade de Coruña están estes días a compartir experiencias tecnolóxicas ligadas á pandemia na quinta edición das Xornadas de Innovación Docente que organizan o CUFIE e a Vicerreitoría de Planificación Académica da UDC. A nova convocatoria superou as anteriores edicións en participación e número de comunicacións presentadas. As novas xornadas comezaron (a vertente asíncrona) o 16 de maio e inclúen 60 vídeo-comunicacións nas que o profesorado presenta novas oportunidades ou explica o aproveitamento formativo das ferramentas telemáticas postas en marcha no curso da pandemia.
A UDC confirma, de feito, que a maioría dos temas que se están a tratar están influídos pola reconversión da docencia presencial en virtual obrigada no pasado curso. Cuestións como por exemplo a creación de laboratorios virtuais, o uso de redes sociais para a aprendizaxe de idiomas (ou para concienciar sobre distintas problemáticas socio-sanitarias), a gamificación da aprendizaxe, as aulas invertidas ou o deseño de utensilios vencellados á COVID-19 son algunhas das experiencias que se están compartindo estes días en sesións asíncronas.
Esta nova edición ten como obxectivo principal, segundo explica a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, “poñer en común as experiencias de adaptación da docencia ao medio virtual por mor da situación excepcional provocada pola pandemia”.
Este 27 de maio ás 9.30 horas, o reitor Julio Abalde inaugurará (tamén de forma virtual) a vertente síncrona das xornadas xunto coa vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, e o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Manuel Peralbo. A continuación, a directora do eCampus da Universidade de Deusto, Sonia Arranz, impartirá a conferencia plenaria Claves da docencia en contextos de pandemia e retos de futuro. A mañá rematará con distintas mesas redondas nas que se poñerán en común as experiencias presentadas e responderanse as cuestións formuladas polos asistentes.
As xornadas síncronas continuarán o día 28 de maio con diversos obradoiros nos que os participantes aprenderán traballando colaborativamente na resolución dun reto relacionado coas seguintes temáticas:
-Dinamizando as nosas clases virtuais síncronas. Thais Pousada e Laura Nieto.
-Deseñando materiais didácticos accesíbeis. Iago Pérez Santalla.
-Diversificando a avaliación. Juan Carlos Brenlla.
-Guión audiovisual para vídeos educativos. Manuel García Torre
Esta quinta edición rematará coa entrega dos Premios Mellor experiencia docente na UDC. Concederanse dous galardóns, o primeiro será un xurado formado por expertos alleos á Universidade da Coruña, o que elixa a proposta gañadora, e un segundo premio no que será o público participante quen decida cos seus votos a mellor experiencia.

PUBLICIDADE