As tecnoloxías que cambiarán o mundo centraron un novo encontro de APD en Santiago

xoves, 31 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Alberto Núñez Feijóo na inauguración da xornada organizada por APD no Auditorio Abanca de Santiago

Este mércores 30 celebrouse en Santiago, no Auditorio de Abanca, a sexta edición de O Mundo que Vén, xornada de debate e información arredor das novas tendencias tecnolóxicas que organiza regularmente a Asociación para o Progreso da Dirección (APD), desta volta coa colaboración da Xunta e o Círculo Financeiro de Galicia. A cita foi inaugurada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen salientou a importancia de termos sempre vivo o espírito innovador, “especialmente no sector produtivo tradicional, no industrial e na biotecnoloxía”. Segundo fixo saber, “o novo mundo laboral require unha adaptación formativa”. A apertura das sesións tamén contou coa presenza de Enrique Sánchez de León, conselleiro director xeral de APD.
Nas diferentes sesións participaron Andreu Vilamitjana, director xeral de CISCO, José A. Ondiviela, director de Solucións de Cidades Intelixentes de Microsoft para o occidente europeo, Erik Häggblom, director executivo de Tribaldata e Alumni de Singularity University, Mikel Diez, responsábel de Innovación Tecnolóxica e Deseño en IBM, Erik Häggblom, director executivo de Tribaldata, Nuria Alonso, directora de Transformación Dixital de Hijos de Rivera, Virginia Lavín, directora de Retina El País, Alejandro Pociña, presidente de Steelcase, ou o especialista en Economía Antón Costas.
Un dos fíos argumentais da cita foi a necesidade de xuntar forzas e intercambiar coñecemento para sabermos anticipar tendencias tecnolóxicas e contar coa maior cantidade de certezas a respecto desta anticipación. Esta idea, que serviu como título do acto, foi tratada durante toda a xornada, ben a través de tendencias tecnolóxicas, tendencias na forma de manexar e desenvolver a actividade empresarial ou mesmo con tendencias na xestión do talento ou no uso dos datos.
A velocidade crecente á que se producen estes cambios en innovación centrou algúns dos diálogos que se puideron escoitar durante a xornada. “O prazo no que se producen novidades que marcan un antes e un despois na liña de progreso reduciuse a tres anos. No futuro, non só non seremos prescindíbeis, senón que cada vez seremos máis útiles e humanos. A cultura é tan importante como a tecnoloxía”, sinalou Andreu Vilamitjana.
Antón Costas rematou deste xeito o seu relatorio: “O contrato social da empresa ten que adquirir unha nova dimensión. Xa non abonda con falar de RSC, temos que falar da responsabilidade tecnolóxica da empresa. Se utilizamos a tecnoloxía para destruír emprego, no canto de mellorar a situación dos nosos empregados, gustaríame ver como serán as sociedades dentro de dúas décadas. A empresa é un propósito de longo prazo que ten que incorporar a todos”.

PUBLICIDADE