As tecnólogas galegas reivindican accións positivas para rachar coa fenda de xénero STEM

mércores, 9 de febreiro do 2022 S. P.

A Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) – Nodo Galicia (AMIT-Gal) presentou este 9 de febreiro o informe A presenza feminina na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) 2008-2021. Fíxoo en Santiago, no Pazo de San Roque (sede da RAGC) con motivo do Día da Muller e a Nena na Ciencia, que se conmemora este venres 11 de febreiro. Entre outros moitos datos de interese, no informe faise saber que aínda resta moito camiño que percorrer para rachar coa fenda de xénero no ámbito STEM (acrónimo de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática), un problema de desigualdade que se pon de manifesto no seguinte dato: as académicas representan na actualidade menos do 20% da entidade científica.
O documento conclúe cunha serie de recomendacións que pretenden “promover accións positivas” co obxectivo de permitir un maior recoñecemento social das contribucións das mulleres científicas, fomentar unha imaxe máis inclusiva da RAGC e incentivar a presentación de mulleres candidatas nos distintos premios, tanto de forma individual como pola comunidade científica ou institucións que representan.
“Somos ben conscientes do desequilibrio de xénero nos recoñecementos do ámbito científico e traballamos por mellorar o balance. Nos últimos anos téñense tomado accións importantes, o que está resultando nunha evolución positiva. Convidamos á sociedade científica a presentar candidaturas femininas aos premios da RAGC”, dixo o presidente da RAGC, Juan Lema, lembrando que na súa constitución en 1978, a RAGC contaba coa doutora Mª del Pilar Fernández Otero e non foi ata o ano 2014 que tivo lugar o ingreso da seguinte académica. Desde entón, o presidente explicou que ingresaron na RAGC seis académicas numerarias que, por suposto, resultan “insuficientes”. Por outra banda, a RAGC anima á comunidade científica a presentar candidaturas lideradas por mulleres aos diferentes premios que outorga a Academia. Actualmente o número de candidaturas masculinas é moito máis elevado, dixo.
Novos impulsos
Segundo dixo o presidente, un exemplo da evolución positiva da RAGC para corrixir “este desequilibrio de xénero” é o ingreso previsto de cinco novas académicas en 2022. A presenza de mulleres académicas numerarias incrementarase coa incorporación de Carmen Isabel Álvarez Lorenzo (Santiago de Compostela, 1970), catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, na sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. Tamén formará parte da entidade como académica numeraria da sección de Ciencias Económicas e Sociais María Loureiro García (A Pontenova, 1972), catedrática de Economía na Universidade de Santiago (USC). E finalmente ingresará como académica numeraria na sección de Ciencias Técnicas este ano Herminia Dominguez González (San Xoán de Río, Ourense, 1965), catedrática de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo (Uvigo) no Campus de Ourense.
Como académicas correspondentes, ingresarán na RAGC este ano Marisol Soengas González (Agolada, 1968), investigadora do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO) en Madrid; e Ana Cebreiro Gómez (Ferrol, 1971), graduada en Economía pola Facultade de Ciencias Económicas da USC, e actualmente responsable de tributación internacional no Banco Mundial. Con toda seguridade a incorporación destas novas académicas axudará a fomentar o interese das nenas e mozas pola ciencia, aportándolles referentes femininos e eliminando os estereotipos e roles de xénero sobre a ciencia e a tecnoloxía, fortemente arraigados na sociedade.
Na presentación, celebrada no Pazo de San Roque en Santiago, participaron o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio; a presidenta de AMIT-Gal, a profesora Ana Jesús López Díaz da Universidade da Coruña (UDC); e as autoras do traballo, a doutora e vogal de AMIT-Gal Joana Cristina Silva Magalhaes, investigadora da empresa Science for Change; e a doutora e socia de AMIT-Gal Vanessa Valdiglesias, investigadora do Grupo de Investigación Diagnóstico Conductual e Molecular Aplicado á Saúde da UDC. Asistiron tamén a profesora Alicia Estévez, vicepresidenta da Academia, vogal do Consello da Cultura Galega e membro da Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia; e as directoras das unidades de igualdade das universidades galegas: María José Abad (UDC), Eva Aguayo da Universidade de Santiago (USC) e Águeda Gómez da Universidade de Vigo (UVigo).

PUBLICIDADE