As tarifas planas móbiles poden resultar enganosas

venres, 26 de outubro do 2007 Marcus Fernández

A operadora norteamericana Verizon Wireless vén de enfrontarse a serios problemas por promocionar varios dos seus servizos coma ilimitados, polo que agora deberá deixar de designalos así e terá que pagar 1 millón de dólares ós abonados afectados (en concepto de reembolso). As ofertas anunciadas pola operadora tiñan condicións ocultas que a levaron mesmo a cancelar o servizo a 14.000 usuarios por abusar das súas conexións ilimitadas, e a partires de agora deberán ter un maior control das súas prácticas publicitarias.
Pero deste tipo de promocións non estamos libres en España, e así, nos últimos días puidemos ver como Telefónica anunciaba unha tarifa plana de descargas musicais por 6 euros/mes ós que habería que engadir 50 céntimos por cada 10 minutos de descarga (ou sexa, que non terían un prezo fixo mensual) e Vodafone anunciaba unha oferta de 6 euros/mes que tamén anunciaba coma tarifa plana que realmente está limitada a 100 sesións/mes de 5 Mb de descarga por sesión, de xeito que ó superar estas condicións habería que pagar as tarifas normais.
Outras supostas tarifas planas que teñen as operadoras inclúe límites de transferencia mensual de 1, 2 ou 5 Mb segundo a oferta, e nos casos que se permite un auténtico tráfico ilimitado, ó superar unha certa transferencia a velocidade (tanto en Vodafone como en Movistar) se reduce a 128 Kbps, lonxe do 1 Mbps habitual destas conexións.
Agardemos que as tarifas melloren nos vindeiros meses para que existan tarifas planas reais, que non sorprendan ós consumidores con sobrecargos ou descensos de velocidade do servizo.

PUBLICIDADE