DIGI supera os 5,7 millóns de liñas

luns, 14 de agosto do 2023 Marcus Fernández

O operador de telecomunicacións DIGI vén de confirmar o seu grande éxito en España na presentación de resultados da primeira metade de 2023, período no que sumou máis de 434 mil clientes, co que superaría os 5,7 millóns de usuarios.
Concretamente DIGI tería xa 4,3 millóns de clientes de telefonía móbil, máis de 1,1 millóns clientes de fibra e máis de 364 mil clientes de telefonía fixa. Tamén destacan que no primeiro semestre do ano DIGI conseguiu captar máis de medio millón de liñas de telefonía móbil e fixa.
Este crecemento está provocado principalmente pola agresiva política de prezos de DIGI, que é especialmente notable nos territorios onde conta fibra directa (como nalgunhas cidades galegas), o que lle permite ofrecer conexións de 10 Gbps (a un prezo de que parte dos 25 euros/mes), así como tamén pode presumir de conexións de fibra a 500 Mbps por 15 euros/mes. Aínda que polo momento non ofrece conectividade 5G na súa telefonía móbil, ter liñas que parten de chamadas ilimitadas e 10 GB de datos acumulables por 7 euros/mes (con cobertura de Movistar) fai que esteamos ante unha das mellores ofertas do mercado.
Aínda que existen algúns OMV con prezos moi agresivos, no caso de DIGI conseguen gañar a confianza dos consumidores cunha grande presenza comercial e a través de patrocinios deportivos, transmitindo que é unha marca solvente.

Evolución do número de liñas de DIGI entre xuño de 2023 e xuño de 2023

PUBLICIDADE