As tabletas facilitan o labor dos socorristas de Carballo

venres, 3 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Carballo vén de activar un sistema informático para facilitar a xestión e o seguimento da calidade diaria das praias locais de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal, uns controis pormenorizados e continuos que, segundo lembra o Goberno local, serviron entre outras cousas para acadar varios importantes recoñecementos: por unha banda a renovación do certificado ISO 14001 e, pola outra, a do EMAS, que é o Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría, o máis referencial e prestixioso a nivel europeo.
Nos tres devanditos areais, que contan con bandeira azul, o servizo de salvamento e socorrismo elabora partes diarios de toda actividade relacionada coa calidade, desde as atencións dos recursos médicos e de urxencias até a limpeza dos aseos, o consumo enerxético ou as reclamacións das persoas usuarias, entre outros moitos aspectos. O obxectivo, segundo informa o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, é seguir mellorando os parámetros de calidade para acadar a excelencia.
Polo que respecta ao sistema informático, permite rexistrar en dispositivos móbiles (neste caso as tabletas do persoal implicado nestas tarefas) tódolos devanditos datos de xestión e monitoraxe que abrollan dos partes diarios, achegando ademais un importante aforro de tempo, de esforzo e de papel para o persoal do servizos de salvamento e socorrismo.
O sistema de xestión ambiental EMAS inclúe todas as actividades que se producen nas praias: limpeza e recollida de refugallos, limpeza dos aseos e mantemento das instalacións, salvamento e socorrismo, control sanitario-ambiental das augas e baño e o ámbito da praia. Neste sentido, avalíanse aspectos como o consumo de gasóleo, auga, papel ou electricidade; a xestión dos residuos, as emisións, os ruídos e os olores, a calidade das augas e da area ou a implicación do persoal, por exemplo.

PUBLICIDADE