As secretarías de Política Lingüística e Educación comparten o palmarés da X edición de Nós tamén creamos!

martes, 5 de xullo do 2022 S. P.

O certame Nós tamén creamos!, impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para estimular o noso novo talento en materia de novos contidos audiovisuais (premiando as mellores curtametraxes de animación en galego do ámbito escolar), vén de comunicar o palmarés da súa nova edición, que coincidiu co desenvolvemento do curso. A convocatoria lanzouse en colaboración coa Corporación de Radio e Televisión de Galicia e OQO editora.
A comisión de selección, logo de avaliar as curtas presentadas á X edición de Nós tamén creamos!, resolveu outorgar os seguintes galardóns:
– Categoría 1 - 2º ciclo de Infantil: Sopa verde, do CEIP Albeiros, Lugo
– Categoría 2 - 1º e 2º cursos de Primaria: O camiño, do CEE Miño, Ourense
– Categoría 3 - 3º e 4º cursos de Primaria: Un conto cheo de lobos, do CEIP Manuel Villar Paramá, A Estrada
Os colexios recibirán, ademais dun lote de libros, un contrasinal de acceso á Plataforma OQO de contidos dixitais en galego durante o curso 2021-2022, para poder acceder aos álbums ilustrados sen necesidade de manipulalos, de ser preciso.
Nesta edición, as curtas deberon basearse nalgún dos seguintes libros, que se lles enviaron aos centros educativos participantes no certame e no programa: A illa dos cangrexos violinistas, de Xavier Queipo, con ilustracións de Jesús Cisneros; Achís!, de José Carlos Andrés, con ilustracións de Laura Tova; O camiño, de Marisa Núñez, con ilustracións de Mariona Cabassa; O camiño das mazás, de Estrella Ortiz, con ilustracións de Mar Azabal, O sultán e os ratos, de Joan de Boer, con ilustracións de Txell Darné; Oso Atrapabolboretas, de Susanna Isern, con ilustracións de Marjorie Pourchet; Rato Tom e rata Tomasa, de Marisa Núñez, con ilustracións de Alessandra Cimatoribus; Se os gatos levasen botas gobernarían as ras, de Raquel Saiz, con ilustracións de Rashin Kheiriyeh; Sopa verde, de Ângela Madeira, con ilustracións de Till Charlier; Tres osos, de Marisa Núñez, con ilustracións de Minako Chiba; Un conto cheo de lobos, de Roberto Aliaga, con ilustracións de Roger Olmos; e Un gato na árbore, de Pablo Albo, con ilustracións de Geraldine Alibeu.

PUBLICIDADE