As redes sociais e os códigos QR, instrumentos dunha iniciativa innovadora para promover Malpica no mundo

luns, 23 de decembro do 2013 Redacción

Malpica acolleu o pasado día 21 a presentación dos froitos recollidos por un novo proxecto de turismo experimental financiado con fondos europeos GAC (Grupo de Acción Costeira). A iniciativa, chamada Malpica. O mar de Sisargas, diríxese a recuperar e pór en valor os recursos existentes na vila e a súa contorna dun xeito sostíbel e botando man das tecnoloxías dixitais de vangarda. A presentación levouse a cabo no Centro Cívico Cultural da vila da Costa da Morte, onde se fixo saber que o proxecto conta con dúas liñas de actuación baseadas na experiencia do usuario: por unha banda o desenvolvemento dunha ferramenta TIC innovadora con contidos multimedia en tres idiomas que se pretende de “alto valor para o sector turístico” e, pola outra, a creación dunha rede de dinamizadores que converta aos axentes locais nos “auténticos embaixadores malpicáns”.
O proxecto contou cun presuposto de 44.000 euros e foi executado pola empresa Aporta Comunicación, especialista en turismo e desenvolvemento sostíbel.
Volvendo á presenza das TIC no proxecto, dicir que a ferramenta TIC resultante xa ten dominio de seu, malpica.mobi, e que se tirou proveito do sistema iBeaken para permitir os usuarios dos smartphones acceder aos contidos xerados arredor desta iniciativa a xeito de realidade aumentada. O sistema, engadiuse na presentación, emprega a aplicación Layar, que analiza e detecta a información dispoñíbel ao redor do usuario do dispositivo móbil conectado a Internet. “Esta recoñece a contorna”, fixeron saber os profesionais de Aporta, “e enriba da imaxe que capta a cámara do teléfono, amosa máis información sobre o que se ve a través da Rede”. Ao seu xuízo, “trátase da aplicación gratuíta de lectura de realizade virtual máis empregada”. Como dixemos, a información está acubillada no sistema iBeaken, e emprázase ao longo da contorna urbana de Malpica a xeito de códigos QR xeolocalizados, códigos que poderemos escanear co noso aparello para ampliar os datos do lugar no que se atopan. E fano en tres idiomas (galego, castelán e inglés), “coma se estivésemos na compaña dun guía turístico local”.

A praia de Area Maior coa vila de Malpica detrás nunha foto de Aporta


As rutas que percorren a zona urbana son Tras os pasos de Lugrís, que trae á memoria a estadía do artista en Malpica; O porto, enclave neurálxico dunha vila que naceu por e para o mar e na que o usuario poderá interpretar e coñecer mellor a actividade e as profesións do porto e que aglutina unha das flotas de pesca artesanal máis importantes de España. A terceira das rutas, chamada Balcón das Sisargas, percorre o paseo marítimo dende o Caldeirón ata Canido pasando por Area Maior.
Segundo informaron os responsábeis desta iniciativa, nela podemos atopar de todo, dende textos, vídeos, arquivos de audio a fotografías, pasando por imaxes antigas recuperadas do Arquivo Fotográfico Municipal cedido polo historiador local Xurxo Alfeirán.
Por certo que os contidos de cada un dos códigos QR recibiron xa máis de 2.000 visitas, sendo o máis popular o do panel situado no faladoiro da Casa do Pescador que informa sobre a actividade e a historia do porto. En cambio, a ruta informativa máis empregada foi O Balcón das Sisargas, que mergulla ao visitante nos antigos baños do Caldeirón, trasládao ás illas Sisargas, e lévao de romaría á ermida de santo Hadrián. En canto ao material multimedia, os usuarios dos QR preferiron o sistema móbil para escoitar as audioguías, empregadas por máis de 400 persoas. O interese polos vídeos é maior a través da canle de YouTube e das redes sociais. Reproducíronse preto de 6.500 veces, sobre todo dende España e Suíza, informaron os responsábeis da iniciativa.
Achegamento aos emigrantes
Co obxectivo de achegarse a turistas, veciños e outros usuarios creáronse perfís nas redes sociais Facebook, e Flickr. A rede social de fotografía recibiu ó redor de 2.100 visitas. O Facebook, conta con máis de 700 seareiros cun alcance de 66.000 persoas dende a súa creación a comezos do mes de agosto, unha media de 4.500 semanais. “Esta ferramenta”, engadiuse, “converteuse nun nexo de unión dos malpicáns emigrados coa terra da que proceden, xa que o 36% das persoas ás que chegan os contidos da páxina de Facebook de Malpica. O mar de Sisargas atópanse en Suíza, Uruguai Venezuela e Arxentina".

PUBLICIDADE