As redes sociais cobran importancia nas campañas electorais

luns, 2 de maio do 2011 Raquel Noya

Fotografía de Iván Puentes publicada no DUVI

As redes sociais son ferramentas que, mentres a algunhas persoas lles rouban tempo de traballo e estudio e interrompen a súa concentración na actividade que estén a desenvolver, a outras persoas resúltanlle de gran utilidade sobre todo á hora de desenvolver o seu traballo diario.
Unha destas persoas é Iván Puentes, actual alcalde de Fene e antigo alumno da Universidade de Vigo, que se achegou a súa antiga facultade de Ciencias Sociais en Pontevedra para transmitirlle aos alumnos de Publicidade e RRPP a importancia que están a ter as redes sociais na súa actual campaña electoral e mandato.
Durante o seu relatorio Iván Puentes explicou que “se nas anteriores eleccións municipais petamos en cada unha das casas para chegar individualmente a cada un dos 6500 veciños, esta vez intercambiaremos impresións con cada cidadán grazas á posibilidade que ofrecen as redes sociais”.
Iván Puentes é o alcalde máis mozo de Galicia e un dos máis mozos de España, polo que non é de extrañar que bote man das novas tecnoloxías para levar a cabo a súa actividade diaria e a súa comunicación co electorado.
Na súa intervención destacou a inmediatez e a bidireccionalidade que lle ofrecen as redes sociais no seu labor ao mando do Concello de Fene, malia que desmitificou o uso das redes sociais aclarando que “non son unha fórmula máxica que, por empregalas, se vaian a gañar as eleccións”, afirmou.
Os alumnos e alumnas de Publicidade e Relacións Públicas coñeceron da man de Iván Puentes algunhas das claves sobre o emprego da comunicación 2.0 nunha campaña electoral dun municipio galego, así como o uso correcto de Facebook para darlle unha boa imaxe á alcaldía baseada na transparencia (cousa non doada por certo).
O Diario da Universidade (DUVI) relata que o alcalde de Fene subliñou a necesidade de que toda a estratexia comunicativa 2.0 deseñada para un candidato “non debe ser inventada para o momento”. Xa que logo, apuntou que “un perfil en Facebook soamente funcionará se o candidato certamente vive na rede social, que o empregue para política pero tamén no resto da súa vida”. Se non é así, “os perfís na Rede perderán a súa esencia e a xente non o verá como cribles, porque de feito, non o son”.

PUBLICIDADE