As posibilidades de xestión de datos masivos do software aberto Ceph, ao detalle no CDTIC

mércores, 28 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vai dar acubillo a semana vindeira, o 4 de abril, a unha xornada as posibilidades do software aberto para o manexo eficaz, eficiente e rendíbel de información a gran escala. Estamos a falar da sesión Ceph, unha solución aberta para a xestión masiva de datos no teu CPD, na que, con horario de 9.30 a 14.00 horas, botarase luz sobre as potencialidades da dita ferramenta en materia de coñecemento Big Data.
Segundo informa AMTEGA, a plataforma de código aberto Ceph é un sistema de almacenamento programábel, distribuído, flexíbel e con ampla capacidade de adaptación a diferentes contornas, con capacidade para ceibar ás empresas das custosas solucións de almacenamento privativas e baseadas en hardware.
No programa da actividade inclúense os diferentes perfís e roles do seu ecosistema, co obxectivo de permitir ao público asistente aproximarse á plataforma Ceph desde diferentes ángulos e perspectivas “coa intención non só de dala a coñecer a nivel teórico, senón tamén de achegar as necesidades para adoptala de forma práctica na organización”.
A xornada contará coa colaboración das empresas Red Hat, Supermicro, Colabora Ingenieros, Cumulus Networks, Dinahosting e Igalia. A actividade está dirixida a analistas, arquitectos TIC, administradores de sistemas/almacenamento, CIO e, en xeral, ao sector TIC con demandas en materia de deseño, aprovisionamento de software e hardware e integración, posta en marcha e desenvolvemento de servizos de almacenamento distribuído e con capacidade de adaptación/evolución (o que se coñece como escalabilidade).
Para participar na xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñíbel para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

PUBLICIDADE