As posibilidades de actividade empresarial arredor da eAdministración, a debate o día 24 en Santiago

luns, 10 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O encontro profesional-institucional desenvolverase no Hotel San Francisco

Santiago vai acoller o vindeiro 24 de setembro un importante encontro profesional dirixido a visualizar en detalle o universo de posibilidades e oportunidades que abren os requirimentos da Administración Dixital a nivel de empresas. O Congreso Tecnoloxías e Servizos Públicos na Administración Galega do século XXI, previsto para este 24 de setembro, encamíñase tamén a facer máis doada a colaboración entre as firmas e máis a concorrencia destas en proxectos ligados á dixitalización das institucións.
A xornada tocará cuestións específicas como a xustiza, a sanidade ou a educación, facendo fincapé no desenvolvemento e modernización tecnolóxica destes eidos e no papel que xogan as iniciativas privadas en beneficio deles. A iniciativa vén da man da Fundación Dintel (Dirección de Desarrollo de Negocio) e desenvolverase no Hotel San Francisco, contando Mar Pereira e Jesús Rivero (directora de AMTEGA e presidente executivo de DINTEL) para abrir os relatorios da xornada, e máis coa presenza de Esther Arizmendi, directora xeral de Modernización Administrativa da Secretaría do Estado de Administracións Públicas, para inaugurar oficialmente a xornada. Para a clausura está prevista a participación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

PUBLICIDADE