As posibilidades da cadea de bloques para as nosas empresas, ao detalle o día 3 en Lugo

venres, 29 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Fundación CEL Iniciativas por Lugo vai organizar en decembro, o día 3, unha xornada para informar ao empresariado da provincia de todo o que precisan saber sobre a tecnoloxía de cadea de bloques, o que se coñece como Blockchain. Para quen non o saiba, esta tecnoloxía consiste en libros de contabilidade electrónicos para seren compartidos abertamente por moreas de usuarios e que gravan todas as transaccións que se apuntan neles e sen que haxa xeito de modificalas. Polo tanto, o Blockchain é especialmente interesante para as novas actividades económicas ligadas ás redes, e achega un impulso importante para as novas moedas dixitais e o seu afianzamento.
Volvendo á xornada do día 3, vén da man da Asociación Galega de Blockchain e IoT (AGALBIT), en colaboración coa Fundación CEL. A cita profesional, que se vai desenvolver en horario de 9:30 a 11 horas, en formato almorzo de traballo, busca dar a coñecer o estado actual das tecnoloxías de Blockchain e as súas aplicacións no mundo da empresa.
A xornada, que contará coas achegas de Antonio Comesaña, presidente de AGALBIT, e de Pablo López, asesor business de AGALBIT, está dirixida preferentemente a empresarios, directivos e emprendedores, aínda que aberta á participación de calquera persoa interesada nas tecnoloxías do futuro. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición, que pode tramitarse a través da ligazón habilitada.

PUBLICIDADE