As persoas vacinadas contra a COVID-19 contarán cun certificado dixital que facilitará os seus desprazamentos

venres, 21 de maio do 2021 Marcus Fernández

Durante a celebración da Feira Internacional de Turismo (FITUR) o presidente Sánchez presentou o Certificado Dixital Covid da Unión Europea que acordouse onte mesmo entre a Comisión Europea, o Consello e o Parlamento Europeo, e que busca avanzar na recuperación das actividades económicas de xeito seguro facilitando a mobilidade dentro da Unión Europea.
A partir do 7 de xuño os turistas de todos os países cos que non haxa plena liberdade de movementos, entre os que se atopa EE.UU., poderán entrar en España sempre que conten cun certificado de ter recibido a pauta completa dunha vacina a autorizada pola Axencia Europea de Medicamentos ou da Organización Mundial da Saúde.
Entre os Estados membros da Unión Europea os viaxeiros de territorios europeos seguros (catalogados en verde segundo a clasificación do ECDC) non terán que cumprir requisitos sanitarios de entrada, mentres que o resto terán que chegar cunha PCR en orixe ou, a partir do día 7, coa pauta completa de vacinación.
Dende Galicia o presidente da Xunta tamén confirmou esta semana que nos puntos de vacinación galegos poderase tramitar a Chave 365 para que as persoas que o desexen poidan acceder a través das aplicacións E-Saúde e PassCovid ao seu certificado de vacinación galego, que pretende facilitar a mobilidade, garantir a protección da saúde pública e contribuír á recuperación a actividade económica.

PUBLICIDADE