As organizacións de usuarios suspenden a Másmóvil en calidade global do servizo

venres, 6 de novembro do 2020 Fernando Sarasketa

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) avaliou a calidade dos operadores de telecomunicacións segundo os datos da Secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETID) e os de reclamacións da Oficina de Atención dos Usuarios das Telecomunicacións (OAUTEL). Podemos consultar a análise completa, ao detalle, na páxina web de UCGAL, en formato PDF. No seu apartado de calidade global (conformada coa análise dos datos de telefonía móbil, fixa e banda larga) Movistar acada cun índice do 7,75 a maior puntuación entre os operadores presentes en todo o territorio, máis de 3,5 puntos por encima do peor e cunha diferenza porcentual do 83%.
No estudo tamén se di que Movistar está un 28% por riba da media do resto operadores de carácter nacional (6,04). O informe salienta o feito significativo de que “a compañía que soporta o servizo universal siga sendo o mellor en termos de calidade despois de dezaoito edicións deste estudo”. Na investigación tamén destaca que se rexistrou un único “suspenso” nas valoracións, que foi dar a Másmóvil, que obtivo unha puntuación de 4,24.
Vodafone, con 7,61, obtivo a segunda praza, seguida a bastante distancia, con menos de 6,30 puntos, por Orange.
Respecto do Grupo Euskaltel, do que forma parte a galega R, acadou unhas cifras moi positivas de valoración, aínda que non contabilizan como concluíntes no balance final polas dúbidas que causou nas organizacións de usuarios o sistema de xestión de reclamacións online do grupo. Sexa como sexa, Euskaltel (que centra o seu mercado principal en Galicia, Asturias e Euskadi) foi quen de lograr un máis que destacado índice do 7,79 en calidade global (7,22 en calidade móbil e 8,35 en calidade de telefonía fixa), o que, de darse circunstancias normais e libres de reservas, situaría a este grupo na primeira posición.
Por certo que a calidade global é froito de analizar os datos de calidade e reclamacións en telefonía fixa, telefonía móbil e banda ancha fixa e móbil: tempo de conexión, avarías, tempo de resolución das mesmas, caudal de carga e descarga, reclamacións en fixo e móbil, etc.).

PUBLICIDADE