As novas tecnoloxías, moi presentes na catro novas incorporacións á Tecnópole

martes, 12 de abril do 2016 Redacción

O Parque Tecnolóxico de Galicia ou Tecnópole vén de anunciar que aumentará até 89 a súa nómina de empresas coa achega de catro novas iniciativas de negocio especializadas na prestación de servizos TIC avanzados, comercio electrónico de produtos gourmet e formación. Así, a consultora Legal Forma instálase no edificio Tecnópole I para emprestar servizos de seguridade informática e desenvolvemento de actividades formativas e solucións tecnolóxico-dixitais, principalmente de e-learning, simulación 3D e realidade virtual, nos ámbitos dos idiomas, da saúde e técnico.
En canto á domiciliación virtual, chegan a Tecnópole outras tres empresas. Ultrasmarts Networks, que prestará servizos avanzados de xestión de datos nos eidos da información masiva (Big Data) e da intelixencia nos negocios, amais de desenvolver aplicacións móbiles, plataformas de comercio electrónico e xestión de redes sociais.
A segunda empresa que accederá á Tecnópole é unha centrada nos produtos gourmet, Atlántica Trader Global, adicada á venda en liña dunha ampla gama de alimentos delicatessen, bebidas e suplementos nutricionais.
En terceiro lugar o Parque Tecnolóxico de Ourense contará con Conforma Consulting, a cal achegará servizos de formación dirixida a múltiples sectores, como o do transporte profesional, o da saúde, o da prevención, o da construción e o adestramento en habilidades directivas mediante coaching, entre outros.

PUBLICIDADE