As novas pantallas comezan a eclipsar ao televisor no consumo audiovisual

xoves, 27 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Porcentaxe de horas de consumo audiovisual por pantalla e rango de idade

Aínda que cada día temos máis sistemas para achegar contidos da Rede ao televisor para facilitar o consumo de contidos audiovisuais, un estudo de Deloitte nos EE.UU. debulla a pantalla que cada franxa de idade emprega para ver series de televisión e películas, reflectindo como o televisor perde presenza a pasos axigantados, quedando só no 71% do tempo de media, cun grande contraste xeracional: os maiores de 67 anos destinan o 92% do seu tempo ao televisor mentres que os mozos menores de 24 anos quedan nun 44%.
Estariamos nunha situación sen precedentes, pois o público novo (de entre 14 e 24 anos) sería o primeiro grupo en destinar menos da metade do tempo de consumo audiovisual a estar diante do televisor, sendo a seguinte plataforma preferida o ordenador (32%), seguido do smartphone (9%), a consola de videoxogos (8%) e o tablet (7%). Incluso a orde de preferencias é diferente á da franxa de idade seguinte, xa que os espectadores de entre 25 e 30 anos sitúan ás consolas de videoxogos en primeiro lugar tras o televisor e o ordenador, seguidas polo tablet e o smartphone. Teriamos así que os máis novos son os que non só sorprenden facendo un uso moi baixo do televisor, senón tamén moi alto do smartphone (cando o resto de franxas de idade prefiren o tablet para este tipo de uso).
Este tipo de informes deixan claro que a multiplicación de pantallas nos fogares están a mudar o xeito de consumir os contidos, sendo a primeira vez que as pantallas secundarias eclipsan ao televisor nun segmento poboacional, deixando claro o cambio de tendencias, pois non estamos a falar do innegable pulo que están a coller a chamada segunda pantalla, senón da cada vez máis habitual práctica de ver a televisión sen estar diante do televisor.

PUBLICIDADE