As nosas letras recuncan nas redes coa segunda edición do Festival Virtual do Libro de Galicia
martes, 9 de marzo do 2021
Volve o Festival Virtual
do Libro de Galicia (FLIV21) coa súa segunda edición e baixo o
seguinte lema: Reflexo da cultura. O certame é un evento
fillo do seu tempo: naceu en 2020 no miolo da crise sanitaria e como
unha resposta directa ás complexas circunstancias que estamos a
vivir para evitar, en última instancia, que se derrubasen as pontes
que unen ás editoriais e ás librarías cos lectores e lectoras.
Tras a edición do pasado ano o FLIV volve para servir de “punto de
encontro e escaparate da literatura galega”.
Desenvolverase de
maneira virtual entre os días 26 e 28 de marzo de 2021 e o vindeiro
luns 15 de marzo abrirase a web desta edición (www.fliv.gal)
cos vídeos do Escaparate. O salón porá o foco en revistar a
colleita literaria galega de 2020 e nas figuras de Pardo Bazán,
Cunqueiro, Marcial Valladares, Faustino Rey Romero e Xela Arias, a
poeta homenaxeada este ano nas Letras Galegas.
Ademais, o FLIV 21
ofrecerá unha sección de contidos adicados ás artes escénicas
para celebrar o Día Internacional do Teatro, o 27 de marzo. Esta
segunda edición da FLIV conta co apoio da Deputación da Coruña e
da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Segundo informa a
organización, a FLIV21 manterá un sistema operativo similar ao da
primeira edición, celebrada en xuño de 2020. Desde a web da feira
poderán seguirse todas as actividades da programación do festival
en cada un dos espazos de encontro virtual. Estes darán acubillo ás
intervencións, que se celebrarán baixo diversos formatos: charlas,
mesas redondas, conversas ou debates, presentacións de libros e
tamén intervencións teatrais.
A nivel temático, nesta
segunda entrega do evento poderán afondarase en cuestións de
actualidade como as consecuencias da pandemia no sector, as
características da novela construída desde a memoria persoal e
comunitaria, as novas maneiras de creación poética ou os roles
masculinos no ámbito do audiovisual.
Formará parte da
programación o apartado Teatro Interruptus, una sección
escénica que este ano contará coa colaboración da revista
Erregueté.
Asemade, manterase a
sección de escaparate para libros que se poderá ver na web do
festival a partir do vindeiro 15 de marzo.
Entre os autores que xa
teñen confirmada a súa participación figuran Marilar Aleixandre
para falar de Emilia Pardo Bazán; Chus Nogueira, que o fará sobre
Xela Arias; e as autores que debaterán sobre literatura infantil e
xuvenil como unha literatura afoutada e arriscada, Nee Barros, Irene
Fernández, Antía Yañez e Eva Mejuto. No encontro dedicado a
narrativa tamén están confirmados, Xesus Fraga, Suso de Toro e
Berta Dávila, moderados por Esther Gómez.