As nosas firmas TIC terán novas oportunidades de internacionalización a través de Galicia Exporta Empresas

mércores, 4 de xaneiro do 2023 S. P.

A Xunta (IGAPE) lanzou unha nova convocatoria do programa Galicia Exporta Empresas, unha das liñas de apoio á presenza exterior das compañías galegas que a Administración autonómica ten en marcha. A través dela as nosas pemes poderán materializar máis de 220 plans de presenza en novos mercados (medio centenar de países). O sector TIC será un dos grandes protagonistas.
Os plans apoiados facilitan, entre outras iniciativas, a participación en accións de promoción internacional, campañas en medios no estranxeiro, a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior ou a xestión de acordos comerciais internacionais. O conxunto dos apoios supón unha mobilización de máis de 5 millóns de euros e cobren o 70% dos custos dos plans de internacionalización, cunha achega máxima por solicitude e compañía de ata 91.000 euros.
Por sectores produtivos, destacan as empresas beneficiarias do ámbito da alimentación, as TIC, o téxtil, os servizos, a madeira-moble, o naval ou a construción. En canto aos principais países de destino elixidos, atópanse Alemaña, Francia, Italia, Colombia, Estados Unidos, México, Emiratos Árabes Unidos, Reino Unido ou Xapón. Así mesmo, os plans de internacionalización permitirán chegar a outros mercados como Islandia, Tailandia, Costa Rica, Libia ou Singapur.
De xeito complementario o IGAPE activou tamén o Galicia Exporta Organismos Intermedios, que busca apoiar iniciativas colectivas coordinadas por agrupacións empresariais, e o Galicia Exporta Dixital, que permite ás empresas apostar por ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización.
A través do Galicia Exporta Organismos Intermedios promovéronse, na última convocatoria, 185 proxectos correspondentes a misións directas ou visitas a feiras no estranxeiro, a participacións como expositores en feiras internacionais (24,5%) ou a misións inversas desde o estranxeiro de importadores, distribuidores, medios de comunicación e outros prescritores. E, pola súa banda, o Galicia Exporta Dixital aprobou preto de 180 proxectos cun investimento inducido de 7,7 millóns de euros.

PUBLICIDADE