As nosas entidades culturais envorcan esforzos nas redes para celebrar o Día do Patrimonio

luns, 16 de novembro do 2020 S. P.

Malia as restricións á actividade presencial motivas pola COVID, a plataforma en liña da Rede de Patrimonio Cultural é este luns un fervedoiro de preparativos para a conmemoración do Día Mundial do Patrimonio, edición 2020, que se celebra este 16 de novembro. É de salientar o esforzo das entidades integrantes á hora de facer un programa de iniciativas tan diverso malia a adversidade, unha axenda moi envorcada nos formatos dixitais e que inclúe exposicións, roteiros de “convivintes”, vídeo-conferencias, campañas en redes, concursos fotográficos e vídeos da recollida de tradición oral.
A continuación damos conta da axenda de vídeo-conferencias programada pola comunidade da RPC, todas con formato online debido, precisamente, ás limitacións obrigadas para manter a seguridade sanitaria.
· 16 de novembro ás 20.00h: Xurxo Ayán – Arqueoloxía nova que se chama Ribeira. Modera Pilar Sánchez Monje (Asociación O Sorriso de Daniel).
· 19 de novembro ás 20.00h: Rafael Quintía – O valor do patrimonio inmaterial e a súa relación co patrimonio material e natural. Modera Emi Cagiao Sánchez (Asociación Entroido de Samede).
· 26 de novembro ás 20.00h: Celtia Rodríguez – Campesiñas e loitadoras. Unha visión dende a Arqueoloxía de Xénero. Modera Soledad Felloza (PatrimonioGalego.Net).
As actividades poderanse seguir no Facebook da Rede do Patrimonio e na canle de Youtube de Roxin Roxal.
Axenda de iniciativas
· 10 ao 22 de novembro- Se vas ao río a lavar (Roteiro polos lavadoiros).
Organiza Asociación Cultural Apelón Educación. Estamos convidados a facer o roteiro dos lavadoiros de xeito individual ou cos convivintes durante estes días. Seguimento nas redes.
· 14 de novembro ás 10 horas. Roteiro Cruceiro das Salgueiras. Organiza Rede Galega por un Rural Vivo coa colaboración da Asociación Petón do Lobo. Partida desde o aparcamento da FEP. Aberta ao público.
· 15 ao 30 de novembro– IV Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián. Organiza Asociación Monte Pituco. Exposicións, andainas, e charlas online.
· 15 de novembro a 15 de decembro– Faladoiros en Xirarga. Organiza O Suído. Recuperando a historia e a memoria dunha parroquia no concello de Beariz, Ourense. Compartirase na Rede e nas redes sociais do Suído unha serie de vídeos que recollen a historia e a memoria inmaterial da parroquia de Xirarga da voz dos veciños e veciñas.
· 15 de novembro #PatrimoniodoBaixoUlla. Organiza O Baixo Ulla
Participación en liña a través das redes sociais. Difusión do patrimonio do Baixo Ulla.
· 16 de novembro – Campaña polo BIC de Carvalho Calero. Organiza a Asociación Ferrol Terra Antiga (publicación de fragmentos da súa obra nas redes sociais de todas as entidades da RPC ao longo de todo o día).
· 16 de novembro. III Certame escolar de recollida de imaxes do patrimonio galego portugués. Organiza Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas Ondas.
· 16 de novembro-20 hs I Foro do Alfombrismo de Galicia (en liña). Organiza Federación Alfombristas de Galicia.
Inclúe unha exposición fotográfica sobre os últimos 50 anos de alfombrismo en Galicia, que estará colgada nunha sala de exposicións de Bueu.
· 19,20 e 21 de novembro– IV Xornadas de Urbanismo Histórico. Organiza Asociación Batitales. Inscricións en liña.
· 19/11 as 19:30 Manuel Castiñeiras González Artes decorativas en el medievo mindoniense, pintura y orfebrería.
· 20/11 as 19:30 Javier Gómez Darriba Los conventos concepcionistas de Mondoñedo: de la ruina a la construcción de una clausura dieciochesca.
· 21/11 as 19:30 Roberto Reigosa Méndez La plaza de Mondoñedo, evolución de un espacio de reunión desde la ciudad medieval hasta el funcionalismo contemporáneo.
As charlas serán retransmitidas por Zoom, pola ferramenta dixital Themondonedovalley.com e pola páxina web do Concello. Para calquera información, contactar en asociacionbatitales@gmail.com.
· 21 de novembro-12.00 horas. Coñece a mámoa do Monte Perrol en Cabana de Bergantiños. Organiza. Asociación galega Cova Crea. Actividade aberta ao público. Lugar de partida: parque eólico de Silvarredonda, no monte Perrol.

PUBLICIDADE