As nosas empresas innovadoras expoñen este xoves en Porto do Molle as vantaxes do emprendemento

martes, 28 de abril do 2015 Redacción

Un notábel elenco de empresas TIC exporán este xoves as súas experiencias de mercado na xornada Emprender: un Mundo de Oportunidades que se celebra no Centro de Negocios do Porto do Molle de Nigrán. O encontro, que se desenvolve de 10.00 a 14 horas, vén da man de Spain StartUp. A sesión deste xoves é previa á gran celebración do South Summit que se celebra na Praza das Ventas de Madrid entre os días 7 e 9 de outubro. As actividades dan comezo ás 10 da mañá coa apertura oficial do programa a cargo de Javier Collado, director xeral de INCYDE, Teresa Pedrosa, delegada do Estado na Zona Franca de Vigo e María Benjumea, presidenta de Spain Startup.
Benjumea compartirá cos asistentes a súa visión do emprendemento innovador e das súas vantaxes multidireccionais, “facendo fincapé nos moitos vieiros que existen para pór en marcha un soño”, sinala a organización.
A continuación, arredor das 11.00 horas, haberá un panel de emprendemento e innovación aberta no que participarán empresas creativas, startups, investidores e unha aceleradora tecnolóxica. Falarán Francisco Pino, socio e director de I+D en Marine Instruments, Jorge Schnura, fundador de Tyba, Joaquín Rebuelta, de Kibo Ventures, Lalo García e Daniel Fernández-Alvariño, de RedInvest, Pedro Núñez, xerente da sociedade de capital risco Vigo Activo. Moderará a mesa de debate Aurelio Jiménez, director de Desenvolvemento de Fundación INCYDE.
Ao mediodía será a quenda da pausa para o café e logo, ás 12.30 horas, comezará un maratón de presentacións a cargo de Débora Franco, co-fundadora de Monet, María Almazán, co-fundadora de Latitude, Francisco Mosquera, co-fundador de Silagames, José Antonio Velo, co-fundador de Broo Band, Esther Dagá, co-fundadora de Bialactis, e Pablo Gutiérrez, co-fundador de Citious. Ás 12.45 comezará un obradoiro práctico sobre mercadotecnia móbil con Joe Haslam, profesor de Entrepreneurship and Innovation MBA en IE Business School.

PUBLICIDADE