As nosas empresas amosan en xullo o seu potencial para crear unha gran factoría de drons

martes, 30 de xuño do 2015 Redacción

O proxecto para crear un polo industrial para a fabricación de compoñentes de drons na nosa terra, proceso que avanzamos hai un mes dende Código Cero, segue adiante e semella que a bo ritmo. Segundo fixo saber este luns o Goberno galego, o polo industrial (que vai estar emprazado nas Rozas) será o obxecto o mes vindeiro dunha xuntanza multilateral para amosar en detalle o que están dispostas a facer ao abeiro deste polo as nosas empresas tecnolóxicas. A cita será os días 20 e 21 de xullo a Cidade da Cultura e o obxectivo é reunir a todas as empresas que teñen manifestado o seu interese en participar no proxecto de avións non tripulados, “tanto para ser escollidas como socio tecnolóxico da Xunta, como para tomar parte nos procesos de compra pública innovadora que se levarán a cabo o ano que vén”.
A xuntanza permitirá, en palabras da Axencia Galega da Innovación, explicar os requisitos da iniciativa, afondando nas posibilidades que ofrecen os avións non tripulados no desempeño de servizos públicos como a vixilancia forestal, o control de recursos pesqueiros ou o salvamento marítimo. De feito, explica a axencia, as empresas que compitan polo contrato deberán acreditar a capacidade precisa para investigar a aplicación dos sistemas aéreos non tripulados de uso civil a este tipo de retos”.
As dúas xornadas tamén serán “unha ocasión inmellorábel para que as empresas e os centros de investigación galegos establezan alianzas cos candidatos a socio tecnolóxico do polo de cara a presentar as mellores ofertas”, engádese. Para participar no obradoiro, os interesados deben enviar cuberta, ao enderezo programas.gain@xunta.es, a solicitude de manifestación de interese, cuxo prazo de presentación vense de ampliar ata o 30 de xuño ante o gran número de peticións.
Na cita, as firmas terán á súa disposición “un espazo expositivo no que amosar e dar a coñecer os seus novos avances tecnolóxicos”. Ademais, celebraranse reunións de traballo destinadas a amosar puntos de vista e posibilidades futuras de cooperación ao abeiro do devandito polo industrial. Polo que atinxe á propia contorna das Rozas, está prevista nas súas instalacións unha visita para expoñer diante das empresas participantes os labores que se desenvolven ao abeiro do Centro de Investigación Aerotransportada.

PUBLICIDADE