As mulleres tecnólogas dos campus coruñeses rompen desigualdades coa web UDCientíficas

luns, 7 de febreiro do 2022 S. P.

Na mañá deste 7 de febreiro a Universidade e o Concello da Coruña presentaron na Reitoría un recurso web que pon o foco en visualizar, reivindicar e promover as importantes contribucións das mulleres que traballan no seo dos campus coruñeses facendo avanzar a ciencia e a tecnoloxía. Estamos a falar do portal UDCientíficas, que ten o obxectivo extra, coincidindo coa celebración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, este 11 de febreiro, de “avanzar na loita contra as desigualdades de xénero”.
Na presentación participaron a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte, Cristina López, xunto coa concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade da Coruña, Yoya Neira, e a directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas, Teresa Piñeiro.
Xuntas explicaron que esta iniciativa pretende “dar visibilidade pública do traballo realizado polas investigadoras da UDC, a través dun portal web que recolle o perfil das profesoras con datos do seu labor investigador e de contacto”.
O directorio nace coa participación de 157 profesoras que teñen a súa ficha na web, cifra que, segundo a directora do CEXEF, esperan duplicar ao longo deste ano.
A páxina artéllase arredor de áreas de coñecemento, especialidades e liñas de investigación, “unha información que vai facilitar a busca de mulleres expertas nun tema concreto a través de palabras chave”, explicaron, engadindo que cada unha das fichas de expertas ten unha ligazón ao seu perfil na plataforma do ámbito científico ORCID, á súa páxina de persoal docente e investigador da Universidade da Coruña e ao seu Google Scholar. “Trátase de tres recursos externos que están en continua actualización e que permiten ter unha idea optimizada da especialización docente-investigadora de cada unha das expertas”, fixeron saber.
Segundo manifestou Teresa Piñeiro na rolda de prensa, “na Universidade da Coruña temos moito talento e moi potente, que non se visibilicen nos medios as mulleres científicas e tecnólogas pode facer pensar que non existen e as nenas necesitan referentes”.
Para a vicerreitora de Igualdade, “a Universidade da Coruña como servizo público defínese con este directorio de expertas”.
Cristina López lembrou que o vindeiro 11 de febreiro se celebra o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e desde a Universidade, con esta e outras accións, pretenden amosar o liderado e a visibilización das mulleres que traballan na universidade. “Este directorio é un gran de area para ir eliminando as desigualdades”, concluíu.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade da Coruña explicou a participación do Concello nesta iniciativa que se inclúe dentro dun convenio amplo entre o Concello e a Universidade da Coruña dotado con 490.000 euros, dos que 25.000 están destinados a varias accións do CEXEF, entre as que está o Directorio de Expertas e ademais outras iniciativas como un proxecto de bibliodiversidade, varios podcast e dúas xornadas.

PUBLICIDADE