As mulleres nos videoxogos, protagonistas dunha mostra no Campus de Ferrol

mércores, 5 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A partir deste 6 de xuño as mulleres van ser as protagonistas indiscutíbeis do sector galego, estatal e internacional do lecer dixital. O motivo? A inauguración da mostra Mulleres detrás dos videoxogos, na sala anexa ao salón de actos Concepción Arenal, da man das profesoras da Facultade de Ciencias da Comunicación. A mostra, un notábel repaso por boa parte das contribucións femininas máis relevantes ao ámbito gamer, será inaugurada a partir das 12.00 horas.
Participarán no acto a vicerreitora do Campus e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño; a concelleira en funcións da Área de Mocidade, Benestar Social, Igualdade e Muller de Ferrol, Saínza Ruíz; e o director do Campus Industrial, Ginés Nicolás Costa. Tamén intervirán dúas das comisarias da mostra, as profesoras Luz Castro e Rocío Mihura; o director da Escola Politécnica Superior, Armando Yáñez Casal; o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Luis Hernández; a directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC, Ana Xesús López; e o coordinador do mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, Antonio Seoane.
Argallada polas profesoras da Facultade de Ciencias da Comunicación, Luz Castro, Rocío Mihura e Teresa Piñeiro, a exposición quere pór en valor o papel das mulleres na industria do videoxogo, un sector que, segundo lembran, segue a ter unha excesiva presenza masculina, “xa que tan só o 17% das persoas que traballan nel son mulleres”. O obxectivo das profesoras, tamén, é achegar recursos para dotar á xente nova de referentes femininos nesta industria. Nesta liña, as promotoras destacan a colaboración de varias alumnas do Grao en Comunicación Audiovisual e dun grupo de bolseiras do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC (CEFEX) para a posta en marcha do proxecto.
A mostra aglutina a 15 das mulleres máis relevantes do eido dos videoxogos como son Carol Shaw, Roberta Williams, Brenda Laurel, Doris Self, Dona Bailey, Amy Briggs, Lucy Bradshaw, Brie Code, Rihanna Prathett, Rieko Kodama, Siobhan Reddy, Amy Henning, Kim Swift, Aya Kyogoku ou Yoko Shiomura. Poderase visitar de balde até o vindeiro venres 28 de xuño.

PUBLICIDADE