As mulleres da Pobra poderán formarse esta tempada en competencias dixitais

mércores, 1 de febreiro do 2023 S. P.

O Concello da Pobra do Caramiñal quixo comezar o ano mobilizando novos esforzos para reducir a fenda dixital no municipio, unha fenda que a nivel galego e estatal agravouse coa pandemia e que segue a deixar fóra das vantaxes tecnolóxicas a amplas franxas de poboación, afectando especialmente á poboación feminina. No marco do proxecto Muller Dixital, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade organiza na Pobra o curso Competencias dixitais básicas para o emprendemento, co cal colabora a Concellaría da Igualdade.
A finalidade é formar mulleres desempregadas ou en mellora de emprego, con idades comprendidas entre os 18 e 65 anos, para contribuír así a reducir a brecha de xénero a través da capacitación dixital.
Con relación a isto, a edil Charo Varela (Nós Pobra), xunto coa axente de igualdade, Carolina Rodríguez, fixo fincapé na importancia deste curso "destinado a mellorar as competencias dixitais imprescindíbeis para a vida laboral”.
Esta nova acción de balde impartirase a partir do día 7 de febreiro, de luns a venres, en horario de 09.45 a 13.45 horas, na aula de estudo situada na planta superior da biblioteca municipal. A duración total ascende ás 45 horas e establécense 20 de prazas. Unha vez concluída a formación, as mulleres participantes recibirán como agasallo cadansúa tableta cun teclado externo para pór na práctica os coñecementos adquiridos.
As inscricións efectuaranse a través das seguintes vías: 881820345, 621180897 ou info@mullerdixital.gal. A maiores, para a resolución de dúbidas, habilítase o enderezo electrónico igualdade@apobra.gal e o teléfono de contacto 981832764, marcando a opción 6.
A dita iniciativa está financiada polos Fondos Next Generation EU e o Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Ministerio da Educación e Formación Profesional.

PUBLICIDADE