As mellores obras do Museo do Prado pódense ver con detalle dende Google Earth

martes, 13 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Google Earth permite ver as 14 obras máis representativas do Prado

Para visitar as grandes obras do Museo do Prado xa non hai que viaxar a Madrid, xa que o podemos facer dende o ordenador grazas ao programa Google Earth, que vén de incorporar cun altísimo nivel de detalle os 14 cadros máis representativos do Prado, sobre os que nos podemos mover coma se fose un mapa, aínda que o director do Museo, Miguel Zugaza, asegura que «unha imaxe non substitúe á experiencia da obra en directo, pero estas reproducións a tamaño natural aportan un realismo prodixioso».
A dixitalización dos cadros correu por conta de Google en colaboración coa compañía madrileña Mad Pixel, que realizou un total de 8.200 fotografías para poder compor as obras pictóricas a unha resolución de 14.000 Mpíxeles.
As obras dispoñibles son A Crucifixión de Juan de Flandes, O cabaleiro da man no peito do Greco, A familia de Felipe IV (As Meninas) de Velázquez, O soño de Jacob de Ribera, 3 de maio de Goya, A Anunciación de Fra Angelico, O Cardeal de Rafael, O emperador Carlos V, a cabalo, en Mühlberg de Tiziano, Inmaculada Concepción de Tiepolo, O Descendemento de Roger van der Weyden, O xardín das Delicias (A pintura do madroño) do Bosco, As tres Gracias de Rubens, Autorretrato de Durero e Artemisa de Rembrandt.
Aparte da selección de obras do Prado, tamén é posible ver o Museo nun modelo 3D dende Google Earth.

O nivel de detalle dos cadros permite percibir os trazos das pinturas

PUBLICIDADE