As mellores mensaxes de Lingua de Namorar 2020 xa teñen recoñecemento

martes, 5 de maio do 2020 S. P.

A nova edición (a novena) do certame Lingua de Namorar, impulsado por Política Lingüística e Xuventude para facer voar o talento poético e literario da mocidade a través das novas tecnoloxías (convidando a rapazas e a rapaces a expresar o seu sentir persoal a través de mensaxes de texto), xa ten gañadoras e gañadores. Segundo informan as entidades organizadoras, trátase de media ducia de importantes contribucións á normalización do galego nas redes e á linguaxe amorosa xuvenil. O palmarés compúxose das seguintes achegas: Retórica (Nee Barros, Marín), Primavera (Ana Loureiro, Caldas de Reis), Ao altar (María Femenías, Foz), Ataraxia (Leticia Cid, San Cibrao das Viñas), Un vinilo dos Dire Straits (Denís Vicente, A Guarda) e Fuxitivas (Silvia Pérez, A Guarda).
Os devanditos traballos impuxéronse no conxunto dos 219 que foron votados por 566 internautas neste certame co que Xuventude, Participación e Voluntariado e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística queren dinamizar o uso do galego na xente nova.
O xurado da nova edición, reunido por vídeo-conferencia, ditaminou os galardóns, que recaeron na primeira categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos) nos traballos Retórica (1º premio, co que Nee Barros, de Marín, Pontevedra, acumula xa catro distincións consecutivas neste concurso desde o ano 2017), Primavera (2º premio, para Ana Loureiro, de Caldas de Reis, Pontevedra) e Ao altar (3º premio, para María Femenías, de Foz, Lugo).
Na categoría B (de 20 a 35 anos), recaeron en Ataraxia (1º premio, para Leticia Cid, de San Cibrao das Viñas, Ourense), Un vinilo dos Dire Straits (2 premio, para Denís Vicente, da Guarda, Pontevedra) e Fuxitivas (3º premio, para Silvia Pérez, tamén da Guarda, Pontevedra).
Participaron no xurado (presidido pola escritora Rosalía Morlán) Hugo Lozano e Nerea Pallares, gañadores dos 1º premios Xuventude Crea 2019 nas modalidades de Poesía e Relato Breve; Alicia Padín, en representación da Rede de Dinamización Lingüística; Nancy Domínguez, da Rede Galega de Información Xuvenil; Ángela Fernández, da Consellería de Política Social, e Beatriz Corral, da Consellería de Cultura e Turismo.
Premios e mensaxes musicadas nos webs
A entrega de premios prevista nas bases celebrarase “cando as circunstancias motivadas pola evolución epidemiolóxica da COVID-19 a permitan celebrar en condicións de seguridade”. Tanto as mensaxes gañadoras coma as outras 213 que concorreron e que votaron 566 internautas, están dispoñíbeis na web de Xuventude e no Portal da Lingua Galega. Nas devanditas webs tamén hai seis vídeos nos que Xermán Bugallo, gañador do certame Xuventude Crea 2019 na modalidade de Música, ponlles voz e melodía aos seis traballos gañadores de Lingua de Namorar 2020.

PUBLICIDADE