As máquinas do futuro, ao detalle nas Xornadas de Automatización Industrial de Vigo

mércores, 3 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

O profesor da Universidade de Vigo Ignacio Armesto, principal impulsor destes encontros

A industria das novas tecnoloxías da información ten unha irmá na industria da automática. As dúas comparten recursos e as dúas medran por segundos, tanto en capacidade como en rendibilidade ou optimización. Entre unha e outra, impúlsanse liñas de traballo como a robótica, que tamén crece de xeito exponencial e que comparte, coas TIC e a automatización, a arela de facernos os procesos cotiás máis doados e cómodos. En definitiva, hai moitas novidades das que dar conta nestes eidos, moitos camiños que albiscar e moitas experiencias que compartir. Dar un escenario idóneo para isto é o gran obxectivo das Xornadas de Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (tamén coñecidas como JAI), que se desenvolven entre o 12 e o 16 de novembro no Centro Social Novacaixagalicia, acubillando nun punto de encontro común aos máis destacados profesionais do sector.
As xornadas, que veñen da man da Universidade de Vigo (co profesor Ignacio Armesto como principal impulsor, tanto das anteriores como desta convocatoria actual, a quinta), oriéntanse a todo tipo de perfís ligados á automatización. Unha das súas finalidades é tirar abaixo os atrancos posíbeis de interacción universidade-empresa, cun programa de 30 horas de conferencias nas que “se abordarán temas relacionados coa enerxía eólica, a eficiencia enerxética, a xestión de versións en programas de control industrial ou as máquinas do futuro, sempre dende a máxima actualidade xa que iso é o que esperta o interese do público”, indica o profesor José Ignacio Armesto, coordinador das xornadas.
Desta volta, cóntase coa participación de institucións do talle de Siemens, Omron, Phoenix, Ence ou PSA Peugeot Citroën, que achegarán a realidade empresarial aos asistentes dun xeito profesional.
As xornadas terán lugar entre o 12 e o 16 de novembro no Centro Social Novacaixagalicia e pódense seguir de forma presencial ou virtual, xa sexa en directo ou en diferido a través da plataforma de Uvigo-tv. Os interesados en participar poderán realizar á matrícula a través de Bubela seguindo os pasos alí indicados, en función de se son estudantes da Universidade ou profesionais.

PUBLICIDADE